Seguimento maioritario da segunda greve do ano nos centros de chamadas de Galiza

Imaxe dunha das mobilizacións

CIG cifra nun 65% o apoio á folga e chama á patronal do sector a “entrar en razón”. O convenio venceu hai 26 meses e as propostas da parte empresarial, salienta Laura Pérez (CIG), non reverten as perdas salariais nin precariedade laboral.

Máis unha nova greve nos centros de chamada de Galiza, un sector que ocupa por volta de 8.000 persoas traballadoras. É a segunda greve no que vai de 2017 e que vén a se sumar ás catro que decorreron en 2016, ano no que tamén tiveron lugar en Galiza catro xornadas de paros parciais. Unha dinámica mobilizadora, pois, elevada. A greve desta segunda feira ten, segundo Laura Pérez, da CIG, sindicato convocante da mesma, un “seguimento maioritario” que cifra nun 65 por cento. Recoñece que nesta ocasión o seguimento foi “un pouco máis feble” que anteriores ocasións mais manifesta a satisfacción polo resultado. “A xente  cústalle cartos e esforzos secundar as protestas”, aponta, e malia iso continúa a a se mobilizar.

A greve, que nalgunhas empresas contou co apoio das seccións sindicais da CGT, volve  denunciar o bloqueo continuo da patronal e o inmobilismo dos sindicatos españois nas negociacións para renovar un convenio que leva máis de 26 meses vencido. A última oferta que fixo a patronal, sinalan, foi a de subir neste 2017 un 1,6% os salarios. Un incremento que non é suficiente, explican desde a CIG, porque se fai ignorando aos recortes e baixas salariais que se aplicaron aos traballadores durante estes anos.

A isto engaden que non hai avances en cuestións para reverter a precariedade laboral. A greve desta segunda feira decorrer ás portas dunha nova reunión coa patronal para negociar o convenio, xuntanza que terá lugar esta quinta feira. Laura Pérez confía en que a empresa “entre en razón” ao tempo que fai un chamamento aos sindicatos españois a traballar “de cara á unidade de acción” para que todos “e non só os traballadores galegos” leven o peso da loita por un convenio xusto.

As dúas imaxes son da autoría da CIG