MOBILIZACIóN EN SADA

O cerco sae á rúa por un reparto xusto das cotas

[Imaxe: Pilarymara] A cabeceira, ao inicio da manifestación

Perto de dous milleiros de persoas percorreron na mañá do domingo as rúas de Sada convocadas polo sector do cerco para exixir un reparto “xusto” de cotas, porque o actual, denuncian, condena os mariñeiros á pobreza.

“O mar é noso defendámolo. Por un reparto xusto das cotas” foi o lema que xuntou en Sada perto de dous milleiros de persoas que, pasadas ás 12h, partiron en manifestación desde a Estatua do Mariñeiro para pedir a anulación dun reparto de cotas que prexudica a frota galega.

Manolo Presas é un dos armadores de Sada. Cualifica a manifestación de “éxito rotundo”. “Non contabamos con tanta xente. Houbo unhas 2.000 persoas, e iso que foi iniciativa pura e dura do pobo do Sada”, sinala. Segundo datos do sector, unhas 90 familias viven no municipio do traballo que fornecen os nove barcos do cerco. Cóntanos que “estivo todo o mundo da política, como cidadáns a nivel particular, menos o PP, que segue a darnos as costas”.

"O tope máximo a pescar por calquera barco era de 10.000 kg ao día. Agora pasamos a barcos que teñen eses 10.000 kg para todo o ano"

En declaracións a Sermos Galiza, o armador sadense reivindica acabar co sistema actual de cotas, que está baseado nuns repartos históricos, e demanda “un reparto lineal para que todos poidamos pescar. Hai que repartir con quen menos ten”.  “O BOE estabelecía como tope máximo a pescar por calquera barco 10.000 kg ao día. Podías repartilos como quixeses, 6.000 de xurelo e 4.000 de sardiña, por exemplo. Agora pasamos a barcos que teñen eses 10.000 kg para todo o ano. E hainos que só poden pescar 8.000 kg ao ano”, denuncia.

O armador de Sada explica a perversión do sistema actual, “hai un armador de Sada que mercou un barco novo antonte. Ese barco non ten histórico. Eu tiven un barco en Portosín e agora teño un en Sada e co barco de Sada non teño históricos, e iso que levo 25 anos de armador”. Manolo Presas culpa o Partido Popular da situación que padece a frota de cerco galega, “empeñei a miña casa e a dos meus sogros para poder comprar o barco e para poder traballar e del dependen directamente 12 familias”. “Se seguimos con estas cotas van levarnos todo, os armadores acabaremos na ruína e os mariñeiros terán que coller a maleta e emigrar para Alemaña. E isto ten un responsábel: o PP”, alerta.

"Se seguimos con estas cotas van levarnos todo, os armadores acabaremos na ruína e os mariñeiros terán que coller a maleta e emigrar para Alemaña. E isto ten un responsábel: o PP"

Os 120 barcos que pertencen á Asociación de Armadores do Cerco de Galiza (ACERGA) levan amarrados desde o 19 de outubro. Os afectados, que permanecen acampados en San Caetano, diante dos edificios administrativos da Xunta, intensificaron os protestos nas últimas semanas. Unha delegación de mariñeiros do cerco exporán as súas demandas esta semana en Bruxelas e prevese que o día 15 se manifesten nas rúas de Compostela.