VÍDEO | A rechamante acción coa que o persoal sanitario de Vigo alerta da precariedade laboral
Traballadoras e traballadores da área sanitaria de Vigo mobilizáronse este 18 de marzo no Hospital Álvaro Cunqueiro convocado pola Xunta de Persoal para rexeitar “as instrucións de vacacións restritivas impostas, un ano máis, pola Xerencia” e denunciar a precariedade nas contratacións. Durante a protesta, que decorreu na porta principal do hospital ao mediodía, escenificouse un día de praia con vestimenta e obxectos propio do período estival.
Na Xunta de Persoal lembran que desde hai máis de 10 anos as instrucións de vacacións son cada vez máis restritivas e que seguen sen tomarse medidas organizativas para poder rematar coa situación de precariedade e de déficit de persoal nas distintas categorías.
“Malia que as instrucións aseguran que se realizan para garantir a contratación, non ten suposto unha mellora na oferta de contratación, e incluso son numerosas as ausencias que non son substituídas, mentres que hai persoas traballadoras en listas agardando ser contratadas. Esta situación de precariedade na contratación, sen dereitos nin descansos, ten levado a que profesionais de diferentes categorías busquen alternativas que aseguren maior estabilidade e planificación”, censuran desde a representación do persoal.
“Un ano máis, as alegacións realizadas pola Xunta de Persoal non foron tidas en conta”, sinalan, e tras trasladarse á Dirección de Recursos Humanos non foron debatidas nin discutidas, limitando o dereito á negociación e respondendo por correo a negativa das incorporacións das 28 alegacións remitidas. Estas alegacións van dirixidas a poder garantir o dereito ao goce e descanso dunhas profesionais que, na actualidade, teñen maior limitación de goce que no resto das áreas sanitarias, polo que se reclaman medidas que garantan o dereito ao descanso é a conciliación laboral e familiar, sinala a Xunta de Persoal.
Ao remate da concentración no Hospital Álvaro Cunqueiro, por volta das 13 horas, as persoas traballadoras trasladáronse até a oficina do xerente, logrando forzar unha xuntanza para o vindeiro mércores día 25 na que aclarar cuestións das instrución a abrir un proceso de negociación.