A sanidade galega só dispón dun pediatra por cada mil crianzas

Control de idade dun bebé nunha consulta de pediatría. (Foto: Colexio Oficial de Enfermeiras de Barcelona).
Galiza conta con pouco máis dun pediatra de Atención Primaria por cada mil nenos, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que tamén evidencian unha elevada cobertura vacinal na infancia e un incremento das interrupcións voluntarias do embarazo entre menores. O informe recompila diversos indicadores sobre saúde infantil e adolescente, incluíndo a incidencia de enfermidades e as principais causas de mortalidade.

Galiza contaba con 1,04 pediatras de Atención Primaria por cada mil nenos en 2024, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Así, o IGE actualizou esta cuarta feira os seus indicadores de Infancia e Adolescencia, con información da Consellaría de Sanidade. As cifras tamén indican que existen 0,76 pediatras de atención especializada por cada mil nenos no país, así como 0,08 cirurxiáns pediátricos.

A maiores, os datos recollidos reflicten tamén que 134 mozas galegas menores de 18 anos interromperon voluntariamente o seu embarazo en 2024, 15 máis que en 2023. No ámbito da prevención, a cobertura de vacinación na poboación de entre 0 e 1 anos sitúase na maioría dos casos no 100% ou moi próxima a esta cifra, como acontece coa hepatite B (100%), a meninxite C (98,4%) ou a tripla vírica (99,6%).

Esta elevada cobertura mantense tamén entre a poboación de entre 3 e 6 anos. No caso dos adolescentes, a vacinación contra o tétano e a difteria alcanza o 89,9%, un aumento significativo respecto o 75% de 2023. Pola súa parte, a vacina contra o virus do papiloma humano chega 75,3% dos casos, máis de 20 puntos por riba do rexistro do ano anterior.

O informe do IGE tamén recolle datos sobre a incidencia da tuberculose en menores de 17 anos, que se sitúa no 3,8% dos casos en 2024. Ademais, con datos de 2023, faleceron na Galiza 14 menores de entre 0 e 17 anos por causas externas, o dobre que en 2022, mentres que 11 morreron por tumores, unha cifra lixeiramente inferior á do ano previo.