Profesorado exixe "respecto" fronte ao propósito da Xunta de "controlar" toda actividade no ensino
Fin de curso convulso co anuncio da imposición por parte de Educación para o vindeiro curso da "neutralidade ideolóxica" e da defensa a ultranza polo Goberno galego do alto cargo da Consellaría que desprezou o profesorado e mantén discursos de ultradereita. Chove sobre mollado, como apunta a Nós Diario Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, principal sindicato do ensino público, que esta cuarta feira concentrouse ante a sede da Xunta da Galiza para reclamar a recuperación de dereitos do profesorado, melloras reais do ensino público e recoñecemento profesional.
Unha protesta na que tamén se exixiu a destitución do responsábel da Inspección educativa, Enrique Prado, pola súa "actitude reaccionaria". "Se a Consellaría valora o profesorado, o primeiro é cesar esa persoa" que criticou o profesorado —"clase ociosa", chamouna—e as autonomías, así como a liberdade sexual, a educación inclusiva, atacou o BNG e PSdeG, e eloxiou a Vox. "Cesaron o directo do IGE mais non a este [en referencia a Emilio Page]", criticou Arroxo. "Se non o cesan, o conselleiro e o presidente da Xunta son cómplices", sinalou.
Ademais, afirma que desde que se coñeceu a intención da Consellaría de "introducir nas instrucións" que regulan as ensinanzas de infantil, primaria, secundaria e bacharelato "mecanismos de censura nas actividades complementarias que se realizan nos centros, a oposición do profesorado foi total".
Unhas instrucións que a Xunta presidenta co envoltorio de "neutralidade ideolóxica" mais que para Ana Ojea, profesora no IES Politécnico de Vigo e coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ da Galiza, o que implican é "a pretensión da Consellaría de neutralizar determinadas ideoloxías, concretamente as que son críticas coas decisións da propia Xunta e os seus intentos de censura nalgúns centros educativos galegos". Afirma a Nós Diario que "a pretensión [da Consellaría] é que os equipos directivos exerzan a censura ou que o propio profesorado se autocensure".
María Rúa, docente no IES Rosalía de Castro de Compostela, cre que detrás deses anuncios de 'neutralidade ideolóxica' o que hai é unha intención da Consellaría "de que nos centros non se traten determinados temas, e o que nos piden é ter un control a priori sobre as actividades a facer". Para Rúa, porén, e en base "á propia legalidade e á Lomloe —Lei orgánica de educación en vigor—", o colectivo docente debe de tratar todos os temas, fornecendo de datos e criterios obxectivos ao alumnado. "Esa é a nosa función", resume a Nós Diario.
Situación "insostíbel" nos centros de ensino
Para Arroxo, a situación que se vive nos centros de ensino é "insostíbel" e os "ataques frontais ás condicións laborais e á dignidade do persoal docente" sofren unha nova volta de porca coa "pretensión de censurar e controlar as actividades complementarias a través da inspección". Unha inspección que ten entre os seus máximos responsábeis o subdirector xeral que "considera que o profesorado non traballa", sinala Laura Arroxo, e que ten un discurso "[...] sumamente perigoso, en contra da lei educativa e dos valores democráticos, constitucionais, de solidariedade e de inclusión", advirte Ana Ojea.
"E que até di que ás mulleres non lles interesan os deportes colectivos ou escribe contra a integración de nenos con necesidades educativas especiais", salienta Arroxo. Para a CIG-Ensino, non é desbotábel incluso que o curso 2025-26 arranque cunha folga. A preguntas da prensa, Arroxo lembrou que houbo mobilizacións e folgas no anterior curso contra o acordo asinado pola Xunta cos sindicatos CCOO, UXT e ANPE.
"Imos seguir pelexando, por suposto, e iremos acompañados de todas aquelas organizacións que nos apoien. Non só sindicais, cónstanos que hai Anpas que están dacordo coas nosas peticións porque son melloras laborais para o profesorado, que veñen unidas a unha mellora no ensino público galego".
Debate no Parlamento
Ao tempo que decorría a mobilización ante a Consellaría de Educación, a 'neutralidade ideolóxica' do departamento que dirixe Román Rodríguez era obxecto de debate no Parlamento. A deputada do BNG Cristina Fernández pediu á Xunta que rectificase a instrución e o conselleiro de Educación volveu defender o que di que é "a base do pensamento crítico". Rodríguez volveu defender o subdirector de Inspección, criticando a oposición por "cuestionar un funcionario público por expresar libremente as súas ideas". Unha afirmación que retrucou Laura Arroxo nas declaracións a este medio: "El que pense como queira, pero os seus escritos son antidemocráticos e non pode ser un cargo con mando e responsabilidades na Consellaría", unhas responsabilidades que chegan, lembra, a que el é un dos "responsábeis" desa aposta pola 'neutralidade ideolóxica' que quere impor a Xunta para controlar os centros.
A maioría de docentes son contrarias ao acordo de 2023
Unha enquisa realizada polo Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) e na que participaron máis de 1.000 docentes, un dos "problemas máis graves" para o profesorado é a "excesiva burocracia", sinalada por 86% das persoas enquisadas. Segundo o estudo, dado a coñecer, entre as problemáticas máis sinaladas atópase o "exceso de horas lectivas" e as "ratios desmedidas" que, denuncian, persisten tras o acordo asinado pola Xunta da Galiza cos sindicatos CCOO, ANPE e UXT en 2023. O STEG sinala que a enquisa destaca que o 86% das persoas participantes quere que se repitan as mobilizacións do curso pasado, convocadas por CIG, STEG e CSIF contra ese "acordo da miseria" asinado no ano 2023. Nese sentido, o 73% dos docentes consultados avogarían por unha folga. Unha medida que a STEG estuda negociar, da man de CIG e CSIF, de maneira indefinida de cara ao curso que vén.
Concertada
Por outra parte, a representación sindical da educación concertada (UXT, CCOO, USO e SNEP) convocou para hoxe unha protesta ante a Consellaría de Educación para denunciar o seu "continuo desprezo" cos docentes do sector, singularmente no relativo á xubilación parcial.