Este é o prazo para que o persoal médico que finalice o MIR en xullo solicite contratos de tres anos
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) abre este terza feira o prazo de cinco días hábiles, até o 29 de xullo, para que as e os médicos que finalicen a súa formación como internos residentes (MIR) neste mes de xullo poidan solicitar contratos de tres anos de duración. Para aqueles que a terminen en setembro, o prazo irá do 22 ao 30 dese mesmo mes.
Trátase da terceira convocatoria do programa de contratos relevo, co que o Sergas espera incorporar nos próximos meses un total de 78 facultativos e facultativas especialistas para garantir a substitución de médicos que estean perto de xubilarse.
En concreto, segundo recolle a resolución que esta segunda feira publicou o Diario Oficial da Galiza (DOG), haberá 52 contratos para as e os profesionais que finalicen o MIR en xullo, é dicir, a promoción que empezou en 2021 unha especialidade de catro anos de duración.
Haberá sete prazas na área da Coruña-Cee, outras sete na de Ferrol, catro na de Santiago-Barbanza, oito na de Lugo-A Mariña-Monforte, outras oito na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, sete na de Pontevedra-O Salnés e 11 na de Vigo.
Mentres tanto, serán un total de 26 contratos para as e os que terminen o MIR en setembro. Son aqueles cuxa formación durou cinco anos e arrincou máis tarde en 2020, por causa da pandemia da covid.
Así, contrataranse tres na área da Coruña-Cee, tres en Ferrol, cinco en Santiago-Barbanza, cinco en Lugo-A Mariña-Monforte, seis en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, tres en Pontevedra-O Salnés e un en Vigo.
Este terceiro plan de contratos relevo xa foi presentado na mesa sectorial do Sergas aos e ás representantes das organizacións sindicais. Estes vínculos teñen o obxectivo de garantir a transición xeracional no sistema sanitario e son compatíbeis co sistema común de cobertura de vacantes a través das listas de contratación.