Persoal laboral de Tivaygasa mobilízase contra o feche da empresa
Reclaman solucións que garantan a continuidade das 20 empregadas da planta de Guitiriz
Os traballadores e as traballadoras da empresa Tivaygasa realizaron esta sexta feira, unha concentración diante da sede da empresa, en Pardiñas (Guitiriz), como medida de protesta ante o inminente feche da fábrica. Ao acto acudiu a alcaldesa de Guitiriz (comarca da Terra Chá), Marisol Mondeira, e representantes do equipo de goberno, para amosar o seu apoio aos traballadores afectados.
Na pasada cuarta feira, día 17 de setembro, no transcurso dunha reunión entre o representante do persoal, membro da CIG, e o xerente, este informou da grave situación económica que atravesa a empresa debido ás débedas que acumula. Esta foi a razón pola que se tomou a decisión de proceder ao feche, que conlevará ao despedimento de 20 traballadoras e traballadores, que aínda non coñecen os datos de cando e como se vai concretar o feche, agás que será inmediato.
Protestas das traballadoras e traballadores
Desde a CIG reclaman "que se aclare por parte da empresa a verdadeira situación, se nos explique se está previsto a entrada en concurso de acredores pola situación económica ou se van presentar un ERE de extinción total”. Do mesmo modo, informan que se dá a coincidencia que o persoal tiña convocada unha folga para o pasado 18 de setembro debido aos retrasos no pago dos salarios. Alías, a CIG demanda solucións para o futuro dos traballadores e das traballadoras, que a empresa sente a negociar “e que se explore a posibilidade da venta para asegurar a continuidade da actividade e a salvagarda dos postos de traballo”.
Apoio do Concello
O Concello de Guitiriz manifestou o seu profundo malestar e total disconformidade ante o anuncio do feche, ao ser unha decisión inesperada que deixa sen emprego unha vintena de traballadores e traballadoras, xerando un forte impacto para o tecido socioeconómico local e afectando de forma directa ao benestar de numerosas familias do municipio. A rexedora considerou imprescindíbel atopar vías que permitan minimizar as consecuencias deste feche e garantir a continuidade dos postos de traballo.
Tivaygasa
Tivaygasa é unha empresa industrial situada en Pardiñas que se dedica ao mantemento integral, tanto pintado, reparación e retimbrado, das bombonas de butano, así coma as xaulas nas que se transportan.