Persoal de Ence declara "unha guerra total" á pasteira polos despedimentos nas auxiliares

Luís Rodas, Omar Vázquez e Sebastián Pérez, este 20 de outubro. (Foto: Nós Diario)

O comité de empresa convoca unha concentración na quinta feira contra o despido de traballadores da auxiliar de limpeza da pasteira.

Os traballadores de Ence en Pontevedra desenvolverán na quinta feira unha protesta diante das oficinas da planta en Lourizán diante dos recentes despidos comunicados pola empresa a traballadores da auxiliar de limpeza da planta, pertencentes á empresa Eulen.

O secretario do comité de empresa, Omar Vázquez, acompañado polo responsábel da Federación de Hábitat, Luís Rodas, e o delegado de CCOO en Eulen, Sebastián Pérez anunciaron tamén en rolda de prensa esta segunda feira en Pontevedra o seu apoio á folga convocada en Ence-Navia (Asturias) para finais deste mes por "situacións similares ás que temos aquí" e advertiron que "a partir de agora non desbotamos absolutamente ningún escenario de loita".

Diante dos últimos despedimentos por parte de Ence en empresas auxiliares en Lourizán e da "falta de resposta" ao comité de empresa por parte da pasteira, Vázquez afirmou que "se este é o camiño que escolle a dirección de Ence, o da destrución de postos de traballo, precarización das condicións laborais e o nulo compromiso coa comarca, vannos ter enfronte coa mesma contundencia coa que defendemos a permanencia".

Os responsábeis de CCOO lanzaron un "ultimato" á dirección da pasteira, á que aseguran que fan "totalmente responsábel" dunha actitude que cualificaron como "unha declaración de guerra aos traballadores e á toda a nosa organización sindical", dixo Vázquez. Diante desta situación, anunciaron que responderán "igualmente coa guerra total sen ningún tipo de consideración, até a readmisión de cada compañeira despedida e que saian pola porta seus responsábeis".

Vázquez lembrou que desde o comité de empresa dixeron que non ían "tolerar nin un só despedimento, nin recorte, nin accidentes, nin unha soa vulneración máis dos dereitos dos traballadores". Os despedimentos comunicados a pasada semana en Eulen "son xa a segunda quenda de compañeiros que vai á rúa só nun mes", dixo o presidente do comité de empresa, no que cualificou dentro dos "plans demenciais de recortes e incumprimentos" por parte da dirección da pasteira.