Persoal do Hotel Balneario A Toxa convoca cinco días de folga

O Hotel Eurostars Louxo 4, na Toxa (O Grove, comarca do Salnés). (Foto: Grupo Hotusa)
O grupo Hotusa propón un ERE despois ser rescatado pola SEPI.

O comité de empresa do Hotel Eurostars Louxo 4, do Grupo Hotusa e coñecido como o Hotel Balneario A Toxa, no Grove (O Salnés), convocou cinco xornadas de folga durante a ponte desta fin de semana e nos días 10 e 12 de decembro para reclamar a retirada do expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta 36 empregos.

A representación do persoal explica que os paros produciranse os días 6, 7, 8, 10 e 12 de decembro como consecuencia da falta de resposta da dirección do grupo hoteleiro ás concentracións que decorreron os días 29 e 30 de novembro.

O comité denuncia que a dirección do hotel "pasou en 15 días de estar a negociar o calendario laboral e as vacacións en 2025 a presentar un ERE extintivo para todo o persoal", o que interpretan como un intento por converter o complexo "nun hotel de tempada" fechando entre finais de ano e mediados do mes de abril.

Deste modo, censuran o "modus operandi" do grupo –que dirixe Amancio López Seijas–, centrado "nos despedimentos e a subcontratación de servizos como fórmula para desfacerse do persoal" que reclama "lexitimamente" os seus dereitos.

Así mesmo, afirman que esta forma de proceder "tamén se está pondo en práctica noutros estabelecementos xestionados polo grupo", ao que acusan de "caracterizarse" por "unha política antisindical" que resumen na frase "ou aceptas ou vaste". De feito, sinalan, están incluídos "todos" os representantes do comité nun ERE do que a empresa deu por fechado o seu período de consultas sen acordo coa parte social.

O ERE proposto ten lugar, ademais, despois de que o grupo Hotusa, que tamén é o organizador do foro A Toxa –con este topónimo deturpado–, fose rescatado da quebra en 2021 polo Estado a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) con 251 millóns de euros.