Persoal das auxiliares de Inditex demanda melloras e denuncia os servizos externalizados "co único obxectivo de precarizar"

Mobilización do persoal das contratas de Inditex, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
O persoal das contratatas acordou mobilizarse diante de Inditex, xa que é para a multinacional para quen prestan servizos e é a empresa "quen determina os orzamentos das súas contratas". 

Persoal de Sodexo, Samsic e Veolia –tres das principais contratas de Inditex que empregan en conxunto unhas 300 persoas– concentrouse esta sexta feira diante de sede da multinacional para reclamar condicións salariais dignas e defender os seus dereitos.

A protesta produciuse no marco da renovación dos acordos de melloras que operan nestas contratas, que prestan servizos imprescindíbeis para o funcionamento diario das instalacións de Inditex, como son os comedores (Sodexo), a limpeza (Samsic) e o mantemento (Veolia).

Roberto Pérez, o secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, explicou que nun primeiro momento tentouse unha negociación conxunta con todas as contratas, mais as empresas "fecháronse en banda a esta posibilidade". As negociacións, xa que logo, "desenvólvense por separado con cada auxiliar", mais as melloras salariais que ofrecen, dixo, "son ridículas".

Neste contexto, o persoal acordou mobilizarse diante de Inditex, xa que é para a multinacional para quen prestan servizos e é a empresa "quen determina os orzamentos das súas contratas". 

Cando Inditex presenta as contas, subliñou Pérez, "presume de que a media do salario na compañía é moi elevada, mais non ten en conta os soldos do persoal que está nestas contratas".

"Imprescindíbeis"

Así, apuntou que o traballo que realizan as empregadas e empregados destas compañías "está externalizado co único obxectivo de precarizar as condicións e abaratar custos salariais", porque as tarefas que fan "son imprescindíbeis para que as instalacións abran cada día".