A patronal quer ser a túa médica de cabeceira
A patronal pretende que as mutuas controlen tamén as baixas laborais por enfermidade común, campo até o de agora reservado á sanidade pública. As empresas alegan fraudes nas baixas ou elevado absentismo laboral. Mais os dados non corroboran ese discurso alarmista. De feito, o español é dos Estados con menos baixas fraudulentas en Europa. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza.
Neste escenario pode producirse unha nova volta de torca, tamén a favor dos intereses da patronal: a CEOE quer que sexan as mutuas colaboradoras da Seguridade Social as que controlen tamén as baixas laborais por enfermidade común, até o de agora restrinxidas á sanidade pública. +
Unha demanda que vén após anos de discursos nos que desde as empresas se incide nas fraudes dos traballadores e traballadoras enfermas en IT (Incapacidade Temporal) ou mesmo distorsionando a repercusión real do absentismo laboral.
“A non asistencia ao traballo por parte dun empregado do que se pensaba que ía asistir, agás: por vacacións, folgas, causa médica ou baixa laboral”. Ese é o absentismo laboral para a OIT, Organización Internacional do Traballo. Unha definición “manipulada”, segundo sindicatos como a CIG, pola patronal, que impulsou por “fortes intereses económicos” unha “ofensiva” para que as mutuas amplíen o seu poder no mundo laboral.
Unha ofensiva coa que poder meter a man nas baixas laborais por continxencias comúns, nomeadamente nas de problemas muscoesqueléticos (34%), patoloxías traumáticas (12,6%) ou problemas de carácter mental ou psicolóxico (12).
O Estado español figura entre os Estados europeos onde menos baixas fraudulentas hai. Contra o que se poida crer popularmente, o absentismo laboral sen xustificar é maior nos países onde hai máis riqueza e Estado de benestar (Suecia, Dimanarca, Alemaña) que en Portugal, Grecia ou Romanía.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]