O desemprego aumenta 1,5% na Galiza durante o último trimestre e o mercado laboral perde 3.200 empregos

Un camareiro durante a súa xornada laboral. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A taxa de ocupación xuvenil sitúase en 38,3% e a de desemprego neste colectivo, no 18,3%.

O paro subiu en 1.600 persoas entre xaneiro e marzo na Galiza, o que supón un 1,5% máis que no trimestre anterior, mentres que a ocupación reduciuse en 3.200 persoas (-0,28%). Son os datos que vén de facer públicos esta segunda feira, 28 de abril, o Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), os parados sitúanse na comunidade galega en 111.000 ao feche do primeiro trimestre, e a ocupación baixa a 1.150.100 persoas.

A taxa de paro aumenta 0,1 puntos e sitúase en 8,8%, mentres a de ocupación diminúe con respecto ao trimestre pasado e sitúase en 48,3%. En todo caso, en variación interanual, o total de parados na Galiza retrocede en 20.600 persoas (un 15,7%).

Con respecto ao trimestre anterior, aumenta o paro masculino mentres cae o feminino. A cifra de homes parados é de 52.700 (4.000 máis que fai tres meses) e a de mulleres de 58.200 (2.500 menos). Así as cousas, a taxa de paro masculina alcanza o 8,2% e a feminina o 9,4%.

Persoas ocupadas

Nos últimos 12 meses, o número de persoas ocupadas repunta en 22.400, o que representa un ascenso de 2%. Neste trimestre descende a ocupación masculina en 8.800 persoas respecto ao cuarto trimestre e a de mulleres rexistra unha alza de 5.700 persoas.

Atendendo aos sectores de actividade económica, os ocupados neste trimestre caen no sector primario, na construción e nos servizos e aumentan na industria. No sector primario a diminución cífrase en 4.300 traballadores, en construción en 2.700 e en servizos en 1.100. Na industria o incremento foi de 5.100 persoas.

Na Galiza contabilízanse 940.100 acodes asalariadas no primeiro trimestre, 811.300 con contrato indefinido e os 128.800 restantes con contrato temporal. Son, en evolución intertrimestral, 13.900 máis indefinidos e 22.000 menos temporais. A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados, chega a 13,7%.

Mocidade

Dos 336.700 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos, 129.000 (38,3%) están ocupados, 28.900 (8,6%) parados e os 178.800 restantes (53,1%) son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase en 38,3% e a de paro xuvenil, en 18,3%. O 73,6% das persoas ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa e 73,6% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. Neste grupo, a taxa de temporalidade sitúase no 26,4%.

Persoas activas

No primeiro trimestre, a poboación galega de 16 ou máis anos alcanza a cifra de 2.381.000 persoas, das que 1.261.100 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53%. A taxa de actividade masculina diminúe 0,5 puntos respecto da cifra rexistrada fai tres meses (até o 56,2%) e a feminina, pola súa parte, experimenta unha variación positiva até 50%.