O paro rexistrado descende na Galiza da man do verán e a temporalidade

En xuño asináronse máis de 103.000 contratos, 95% deles temporais e no sector servizos 

O paro rexistrado descendeu en xuño na Galiza en perto de 10.000 persoas, a terceira maior baixada no Estado. En apenas un mes, o número de desempregados inscritos nas oficinas de emprego caeu en 5%  -fronte a 2,8% de descenso no estado-, situándose en 189.665 persoas. Un dado que, para entendelo, hai que situalo no seu contexto: por unha banda, chegada do verán e pulo do sector servizos –nomeadamente hostalaría e turismo-. Por outra, unha temporalidade desbocada.

 

No mes de xuño asináronse na Galiza case 104.000 contratos laborais, o que supón unha media de 144 contratos diarios. Deses 104.000 contratos, a inmensa maioría son de carácter temporal, 96.398. Os que son indefinidos apenas representan 4% do total. En xuño, o número de contratos temporais asinados foi máis de 19 por cento a respecto do mes de anterior, un incremento que é moi superior ao aumento rexistrado no Estado (3%). Non esquezamos que Galiza ten unha taxa de temporalidade (número de traballadores con contrato temporal por cada 100 asalariados) superior a 26%, un nivel que entre os estados de Europa só supera Polonia.

 

O número de afiliados á Seguridade Social aumentou en xuño en 8.573 persoas e xa son 979.877. A suba interanual en Galiza é de 21.949, 2,3%, por baixo da media española, onde as afiliacións á seguridade social incrementaron en 3,8% nese mesmo período.