Segundo accidente laboral mortal en Vigo en 48 horas: morre un operario golpeado por unha pa nunha obra

O tráxico suceso produciuse no Camiño da Viña Grande de Alcabre. (Foto: Google)
A pasada cuarta feira outro traballador faleceu ao caer da cuberta dunha nave da antiga Vulcano.

Un operario faleceu esta sexta feira ao ser golpeado por unha pa en Vigo cando se atopaba no lugar de Viña Grande, en Alcabre, traballando nunha casa en obras. Segundo informa a central de emerxencias do 112-Galiza, o suceso produciuse pouco antes do mediodía.

Despois de recibir o aviso por parte do equipo médico, o 112 puxo en marcha os protocolos correspondentes para a mobilización de recursos. Os efectivos da Policía Nacional desprazados até o lugar confirmaron o falecemento.

Esta é a segunda morte dun operario na cidade olívica en só 48 horas, xa que a pasada cuarta feira outro traballador faleceu ao caer da cuberta dunha nave no Estaleiro San Enrique, a antiga Vulcano, en Teis.