Novo accidente laboral: falece un operario ao caer desde a cuberta dunha nave en Vigo
13 de marzo de 2024 (10:59 h.)
Sucedeu no barrio de Teis contra as 9 horas desta cuarta feira.
Un operario faleceu na mañá desta cuarta feira en Vigo ao caer a varios metros de altura desde a cuberta dunha nave, situada na rúa de Santa Tegra, no barrio de Teis. Unha persoa particular alertou o 112-Galiza sobre as 9 horas para solicitar asistencia médica urxente para esta persoa.
Con esta información, os xestores de emerxencias pediron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias do 061, así como de Policía Nacional e Local, ademais do persoal da Autoridade Portuaria de Vigo. Os axentes de seguridade comunicaron o falecemento do traballador, por cuxa vida nada puideron facer, informa o 112.