As mulleres tomamos as rúas
As mulleres están chamadas a facer folga e paros parciais no traballo e nos estudos, mais tamén no consumo e nas tarefas de coidado, así como a participar nas múltiples convocatorias que se celebran o 8 de marzo en todo o país. O día 4 de marzo haberá, ademais, unha grande mobilización nacional en Vigo. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no Sermos Galiza 286.
As forzas sindicais recolleron as demandas dos colectivos feministas e convocaron para esa xornada folgas que van desde as 24 horas a paros parciais de dúas horas en distintas franxas. Mais cun obxectivo común. Están chamadas a facer folga nos seus postos de traballo e estudos, mais tamén no consumo e nas tarefas de coidado, a facer boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexistas, así como a participar nas numerosas mobilizacións que están previstas en todo o país.
“Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Para concienciar a sociedade de que o noso papel non é subsidiario. Que somos a metade de Galiza, a metade do mundo. Que abonda xa de conmemoracións hipócritas o 8 de marzo. Paramos para esixir xustiza”, explica a secretaria das mulleres da CIG, Margarida Corral. A central nacionalista, á que se suma á Fruga, programou paros en todas as actividades e centros de traballo en quendas de dúas horas entre as 00 e as 02 horas, entre as 12 e as 14 horas e de 19:30 a 21:30 horas.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 286 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]