Morre un traballador e outro resulta ferido tras caer dunha torre de alta tensión en Outes

Torres de alta tensión (Europa Press)
Desde uns 60 metros de altura. 

Un traballador faleceu e outro resultou ferido de consideración nun accidente laboral rexistrado na mañá de hoxe ao caer ao chan desde unha torre de alta tensión mentres realizaban labores de mantemento a unha altura duns 60 metros no municipio de Outes.

Así o informou o 112 Galicia, que indicou que os feitos tiveron lugar nunha zona de monte na parroquia de Valadares sobre as 10,15 horas deste martes.

Nese momento, varias persoas particulares avisaron do accidente ao 112 Galicia. Após iso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou até o lugar un helicóptero medicalizado, no que foi trasladado o traballador ferido ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Por outra banda, puntualizaron as mesmas fontes do servizo de emerxencias, os efectivos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida ao outro operario accidentado.

Neste operativo interviñeron, após ser alertados polo 112 Galicia, os membros do GES de Muros, axentes da Garda Civil e da Policía Local, voluntarios de Protección Civil de Outes e Mazaricos e a empresa subministradora de electricidade.