Máis de 31 mil persoas sufriron un accidente laboral en 2013
A cifra redúcese nos casos que aconteceron durante a xornada laboral, sendo o 6,3% sinistros de tráfico.
O Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos os dados referidos á sinistralidade laboral en Galiza para o ano 2013. Segundo o estudo, desenvolvido orixinalmente pola EPA, no noso país 31.100 persoas sufriron un accidente vencellado ao traballo. De entre elas, 25.300 durante a súa xornada laboral.
Dos sinistros, o 6,3% foron accidentes de tránsito e producíronse fundamentalmente no sector servizos (11.600 persoas) e a industria (6.700 persoas).
Así mesmo, o 18,2% de traballador@s de 16 ou máis anos de idade tivo algunha enfermidade nos últimos doce meses, d@s cales, 90.100 persoas declararon que fora provocada ou agravada polo seu emprego. Principalmente, sinalaron que se tratou de problemas óseos, articulares ou musculares (64.200 persoas); seguida de estrés, depresión ou ansiedade (8.300 persoas) e problemas respiratorios ou pulmonares (4.100 persoas).
Aliás, máis do 48% d@s galeg@s ocupad@s asegurou que a súa enfermidade lles repercutiu no desenvolvemento das súas actividades cotiás.
A respeito da sinistralidade laboral, o pasado ano déronse a coñecer as cifras de mortaldade vinculadas ao traballo. En Galiza na última década (2004-2013) faleceron 700 persoas segundo o Instituto Galego de seguridade e saúde laboral (Issga).