“Hai xurisprudencia suficiente que di que por un ingreso puntual non se pode quitar o paro"

Alberte Xullo Rodríguez Feixóo

O Servizo Público de Emprego (SEPE) está a cancelar as prestacións de desemprego a persoas en paro polo feito destas non declararen no prazo legal un ingreso puntual ou mínimo obtido mentres reciben o subsidio. Unha decisión con efectos moi graves (perda do dereito á prestación) para a persoa afectada, que en moitos casos non sabe que está a ser obxecto dunha resolución da administración que pode reverter nos xulgados. O avogado Rodríguez Feixóo leva algúns destes casos.

Manuel é una das ducias de galegos que foi penalizado pola administración coa perda da prestación de desemprego. Unha sanción imposta por non declarar dentro de prazo un ingreso puntual e mínimo obtido mentres recibía a prestación. “Retiráronme o paro e tiven que devolver os tres meses que cobrara”, afirma.

 

Alberte Xullo Rodríguez Feixóo é un dos avogados que defende persoas afectadas por esta decisión da administración. “Hai xurisprudencia suficiente de que por un ingreso puntual non se pode retirar a prestación de paro”, afirma.

 

O letrado explica que a administración “forza a lei para facerlle ver ao xuíz que calquera ingreso é incompatíbel coa prestación de desemprego e máis aínda se non se dá aviso dese ingreso. O argumento é que o paro é incompatíbel con calquera outro ingreso, sobre todo procedente do traballo, que sexan atribuídos a unha acción laboral”.

 

Porén, sostén, “a xustiza acaba dándolle a razón á persoa á que se lle retirou a prestación”, pois considera que “se son ingresos puntuais e menores ten dereito a seguir percibindo a prestación por desemprego, aínda que non comunicase eses ingresos”.

 

Por que, logo, continúa a administración con esta política? “Moi doado, eles castigan, deixan sen prestación a esa persoa e cando chega a sentenza favorábel á afectada, dicindo que hai que devolverlle a prestación xa pasaron dous anos. E, ademais, 90% das persoas afectadas non recorre porque lles parece que van perder e non quere ou non pode pagar un avogado, os custos…”.

 

Casos variados

 

Unha rapaza que estaba a cobrar o paro e que dúas noites foi traballar puntualmente a unha discoteca. Ingresou por volta de 200 euros que non declarou no prazo de 15 días. Ao ter a administración coñecemento, procedeu a cancelarlle a prestación, ficando sen dereito a paro. Un xornalista tamén no desemprego, cobrando a prestación á que tiña dereito após varios anos cotizados. Mentres está no paro responde un encargo puntual dunha revista para facer unha reportaxe. Os ingresos desa peza non os declara no prazo de 15 días e o SEPE decide suspenderlle a prestación. Fica sen ela. Son casos reais que aconteceron nestas semanas.

 

Rodríguez  Feixóo explica que o ‘castigo’ aplicado –perda da prestación- é totalmente desproporcionado á falta cometida. “Non se pode retirar ese dereito a unha persoa por situacións dese tipo”, sinala.