Para industria, Carballeda; para construción, Gomesende; para servizos, Compostela e para sector primario, A Illa

CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia

Cal é o concello de Galiza con maior porcentaxe de afiliación no sector da industria? E cales as comarcas con maior porcentaxe de afiliados de nacionalidade estranxeira? As respostas non sempre son as que cabería esperar.

Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre as afiliacións á Seguridade Social amosan resultados interesantes e que axudan a interpretar mellor a realidade dunha Galiza máis heteroxénea do que moitos presupoñen. Cales son as comarcas que teñen unha maior porcentaxe de afiliacións á Seguridade Social de nacionalidade estranxeira? Podíase pensar que as grandes cidades, ou quer a franxa atlántica, que se liga co maior desenvolvemento económico. Porén, ningunha das cinco comarcas con máis porcentaxe de persoas de nacionalidade estranxeira inscritas na Seguridade Social se atopa nesas áreas. A media en Galiza é dun 2,9%, é dicir, que de cada 100 afiliados á SS tres son estranxeiros. Unha porcentaxe que sobe ao 7% en Viana, ao 6,6% na Mariña Central, as tres comarcas que lideran o ranking, seguidas de Valdeorras (6,2%) e A Mariña Occidental, cun 5,5%.

Se a pregunta se refire á maior porcentaxe de afiliados nun sector como a construción a resposta é que o Concello con máis asalariados, porcentualmente, neste ramo de actividade é Gomesende, un pequeno municipio de pouco máis de 800 habitantes na Terra de Celanova, un 21,5%. Un de cada catro traballadores. Séguenlle Cabana de Bergantiños, cun 21% e Pontedeva, cun 20%. En Cerdedo 19 de cada 100 afiliados á SS figuran na construción, e en Xunqueira de Ambiá son o 18,4%.

A Illa de Arousa, unha illa entre tanta terra adentro

O sector primario é un alicerce en emprego no noso país, onde representa a principal fonte de traballo en non poucos concellos. Na lista dos 15 municipios galegos con máis porcentaxe de afiliados ao sector primario, 14 son do interior. Mais o que encabeza o ránking é da costa, A Illa de Arousa, onde o 49,5% dos seus afiliados á S.S figuran neste sector, case un de cada dous. Un peso que proporciona o mar (sectores mexilloeiro e marisqueiro principalmente).

A continuación figuran Dozón, cun 47,4% e Rodeiro, 45%, dous concellos do interior de Pontevedra e onde agro e gandeiría teñen un peso e importancia sonsiderábel. Séguenlle A Pastoriza, cun 44,8% de afiliacións, e Pol, cun 44,1%.

En sector servizos atopamos a cidades e vilas grandes liderando a táboa de porcentaxe de afiliacións a este sector. Mais entre ellas cóase en segundo lugar Mondariz-Balneario, cun 86% de afiliacións á Seguridade Social en servizos. A lista lidéraa Compostela (86,8%) e nos cinco primeiros postos figuran A Coruña, cun 85,8%, Ames, cun 83,8% e Oleiros, cun 83,4%.