O DOMINGO CONTINúAN OS PROTESTOS

Os gandeiros seguen ao pé de grandes cadeas comerciais

[Imaxe: Campo Galego]

Os gandeiros galegos continúan os seus protestos con ringleiras de tractores situados onde grandes estabelecementos comerciais das cidades da Coruña e de Lugo.

A Coruña e Lugo acollen un día máis as mobilizacións dos gandeiros galegos para reivindicar o aumento do prezo do leite en orixe. A día de hoxe os gandeiros reciben unha media de 27 céntimos por litro de leite, unha cantidade inferior aos 31-34 céntimos nos que se sitúan os prezos de produción.

Carrefour e o Día son as cadeas diante das que expón os tractores o sector, que segundo Unións Agrarias impediu hoxe o acceso de mercadorías a estes estabelecementos comerciais na Coruña e en Culleredo, mais permitiu o acceso ás persoas consumidoras. Precisamente, a campaña dos gandeiros céntrase en lle transmitir ás persoas consumidoras a súa problemática para as concienciar da necesidade dun prezo xusto que garanta os custos de produción.

Prevese que os protestos dos gandeiros continúen este domingo, polo que a xornada electoral non alterará os seus plans. Ademais, a segunda feira, 21 de decembro, o sector realizará asembleas nas que decidirá se desenvolven novas accións reivindicativas.