Galiza é o terceiro territorio do Estado onde máis emprego se destruíu no último trimestre

Imaxe de arquivo dunha sala de espera nunha oficina de emprego.

Perdeu no cuarto trimestre de 2019 un total de 9.700 ocupadas e ocupados, segundo a Enquisa de Poboación Activa. Unha cifra só superada por Illes Balears e Estremadura. No conxunto do Estado español, no mesmo período, hai 92.600 ocupados máis. Ao longo do ano creáronse 7.900 empregos no noso país. 

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao cuarto trimestre de 2019 e que se publicou esta terza feira non deixa boas novas para Galiza. Somos o terceiro territorio de todo o Estado español onde máis descendeu o emprego a respecto do trimestre anterior: 9.700 postos de traballo destruídos, unha cifra só superada por Balears e Estremadura.

A taxa de variación trimestral de ocupación foi na Galiza de -0,88% mentres na media do Estado esa taxa aumentou en 0,47%. Se poñemos o foco na variación anual, vemos como aumentou a taxa de persoas con emprego en 0,73%. Unha boa nova que, porén, palidece se a situamos a carón do que aconteceu no Estado eses mesmos meses: o aumento foi de 2,06%. Case tres veces máis que na Galiza.

A EPA indica que en canto a poboación activa na Galiza hai 1.241.700. Son 4.700 persoas máis que hai un ano. Iso si, a respecto do trimestre anterior caeu en 7.400 persoas (-0,59%).

A taxa de paro foi no noso país no cuarto trimestre de 11,74%, por baixo da media estatal (13,78%).