Galiza perde nun ano 488 autónomas e autónomos que xeraban emprego

Traballadora e traballador nunha praza de abastos (Federación de comercio da Coruña).
As últimas cifras da Seguridade Social confirman que en 2019 continuaron as baixas nas persoas autónomas que teñen persoas contratadas. Desde a Asociación de Traballadoras e Traballadores autónomas (ATA) piden medidas.

A situación das persoas afiliadas ao réxime de traballadoras autónomas continúa a dar malas novas. Os últimos datos da Seguridade Social facilitados pola Asociación de Traballadoras e Traballadores Autónomos (ATA) constatan unha realidade que afecta, tamén, ás persoas que con este réxime xurídico teñen persoal ao seu cargo. É dicir, a súa perda implica a desaparición, ao mesmo tempo, de varios postos de traballo máis. 

Galiza contou con anos de recuperación deste perfil mais desde 2016 a súa baixada foi continua. Ese mesmo ano contaba con 28.976 persoas autónomas que xeraban emprego que pasaron en 2019 a ser 28.426. 

As comarcas cunha maior caída foron as de Ourense, que pasaron en 2016 de ter 3.469 a contar con 3.302 en 2019 (-167). E as de Lugo que no mesmo período pasaron de 4.220 a 4.066 (-154). As zonas máis habitadas tamén sufriron descenso pasando, no caso de Pontevedra de 9.328 a 9.225 (-103). As comarcas da Coruña, que son as que teñen máis persoas autónomas deste perfil, pasaron de ser 11.959 a quedar con 11.803 (-156). 

Perdas que afectan a outros empregos

A perda de autónomas e autónomos non é nada novo para o noso país nos últimos anos, como recoñece a Nós Diario o propio presidente da ATA na Galiza, Rafael Granados. “Os sectores tradicionais máis afectados seguen a ser a agricultura, o comercio e a industria” asegura. A destrución de emprego que ten lugar cando unha persoa física autónoma con traballadoras ou traballadores asalariados deixa de selo é máis grave pola propia desaparición, tamén, dos postos de traballo que dependen  dela.

As cifras que deu a coñecer onte ATA apuntan unha tendencia que nos últimos anos era diferente á estatal. Desde esta asociación salientan varios factores que inflúen na destrución de persoas autónomas que contan con persoal asalariado. “Cremos que algunhas razóns foron, por exemplo, a incerteza por futuros anuncios do Goberno español e unha profunda recesión no comercio”, opina Granados. O sector pode estar ou non de acordo con algunhas decisións do Goberno mais, segundo ATA, "o peor é non ter concrecións". Asegura que "as autónomas e autónomos viron como aumentaron os seus gastos fixos coas subas da luz, do carburante e do Salario Medio Interprofesional”. Pola contra “os beneficios son menores que hai 5 anos”, relata a Nós Diario o presidente da ATA.

Apoiar a consolidación

Con estas cifras na man na ATA cren que é máis positivo coidar a continuidade que centrar os recursos en campañas para animar a que entren novas emprendedoras. “De nada serve ter máis autónomos se pechan antes de dous anos de actividade”, asegura Granados, “cando pasamos ese primeiro período é cando asentamos a empresa, temos a clientela, mais tamén é cando precisamos máis axuda para mudar o modelo empresarial ou para actualizármonos en temas como as novas tecnoloxías”, engade. E para ATA ese é un dos principais problemas do comercio galego actual: a loita desigual coas plataformas de venda en liña.