Nova folga no sector bancario en demanda dun convenio "xusto": "A patronal propón un recorte de dereitos inasumíbel"

Persoal da banca protestando esta quinta feira polas rúas da Coruña. (Foto: Europa Press)
Rosa Conde, da CIG, que cifra en case 7.000 os traballadores e traballadoras do sector na Galiza, estima o seguimento da folga no país entre un 50 e un 60%.

Persoal de entidades bancarias secunda nesta xornada unha folga na Galiza en demanda dun convenio "xusto" que inclúa melloras laborais, pero tamén salariais, despois dunha perda de poder adquisitivo que a representación sindical cifra en 15% nos últimos dez anos. Así o expuxo, en declaracións aos medios, Rosa Conde, responsábel de Banca na Federación de Banca e Servizos da CIG, sindicato que convocou a folga —tamén con convocatoria en Catalunya e Euskadi—, xunto cos sindicatos ELA, SEC-BBVA e Intersindical CSC.

Entre as súas principais reivindicacións está reclamar a recuperación do poder adquisitivo, a redución da carga de traballo e a recuperación do emprego, así como medidas contra o "acoso comercial brutal" que, sosteñen, sofre o persoal. "Queremos un convenio xusto", sentenciou a representante da CIG en relación á negociación co sector bancario. "En pandemia fixéronse innumerábeis prolongacións de xornada que non se viron recoñecidas e recompensadas", dixo, como exemplo da situación dos e das empregadas, ao que sumou os expedientes de regulación de emprego nos últimos anos.

Ademais, aludiu a uns "obxectivos desmesurados que se impoñen aos traballadores", en referencia á política comercial e á "sobrecarga de traballo" existente "con produtos que a propia normativa di que non se poden vender de maneira indiscriminada". Rosa Conde, que cifrou en case 7.000 os traballadores e traballadoras do sector na Galiza, estimou o seguimento da folga no país entre un 50 e un 60%. "É o momento das mobilizacións para negociar e que non traten de impor as súas condicións", aseverou, en alusión á negociación aberta desde hai meses.

A dirixente sindical insistiu en que na proposta da patronal hai "un recorte de dereitos inasumíbel". "Nun momento no que o sector se está recuperando de forma exponencial, non pode ser que os persoais non o vexan repercutido", engadiu. Por todo iso, considerou que unha suba de 8% para os catro anos non é suficiente ao "non cubrir o IPC que fechou en decembro, nin o de xaneiro".

Esta foi unha das consignas máis repetidas durante a manifestación convocada na Coruña e que, coa presenza de máis dun centenar de persoas, partiu da praza de Vigo até os Cantóns. 'Se sobe o IPC, os salarios tamén', 'recorte salarial á patronal', 'non é un convenio, é un atraco' ou 'o seu beneficio é o noso sacrificio' foron algunhas das proclamas escoitadas.