Ferroltera marcha contra as falsas promesas para o sector naval

Miles de persoas participan da manifestación, convocada polos comités de empresa de Navantia e das empresas auxiliares, perante “as mentiras e promesas electorais infumables” para os estaleiros da bisbarra. 

Ferrolterra marchou de novo polo futuro do sector naval. Miles de persoas participaron na manifestación polas rúas de Ferrol, convocada polos comités de empresa de Navantia e das empresas auxiliares, contra “as mentiras e promesas electorais infumables” de carga de traballo para os estaleiros da bisbarra.

A marcha saíu da praza do Inferniño cara Amboage e regresou pola rúa Real até a praza de Armas, onde se deu lectura do manifesto. Isabel Risco exerceu de voceira e reclamou Ferrol como “exemplo de dignidade” e recordou que “si o naval funciona, Galiza funciona”. A axencia Europa Press cifra en máis de 6.000 persoas asistentes.

Os representantes dos traballadores e traballadoras criticaron duramente os anuncios da Xunta durante os últimos catro anos. Un sector que destruíu 3.500 os postos de traballo. A taxa de paro aumentou un 6% na lexislatura popular -do 19,7% ao 25,9%- malia que Ferroltera perdeu poboación activa. Empregos que non se recuperaron nin teñen visos de facelo.

As súas reivindicacións obtiveron o respaldo unánime dos concellos da contorna, incluso do PP comarcal, que aprobaron mocións presentadas polos comités de Navantia e Fene.

Na manifestación estiveron presentes líderes e candidatas da bisbarra de BNG, PSOE, Ferrol en Común e Marea Ártabra. Contou co apoio dos sindicatos CIG e MCA-UGT. 

Porén, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acusou nos últimos días ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, de “ser cómplice das políticas da Xunta” que “conducen a Ferrol a un deserto industrial.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu un cambio político para solucionar a situación do naval, mentres Yolanda Díaz, de Esquerda Unida, acusa ao PP de mentir con descaro.