Empregos a tempo parcial, a outra cara da precariedade
Para unha de cada dez persoas ocupadas no país, a súa xornada laboral é demasiado curta para vivir. Galegos e galegas que desexan traballar máis horas cada semana, sexa no seu actual emprego ou noutro diferente. A contratación a tempo parcial representa, xunto á temporalidade, a outra cara visíbel do precario mercado laboral. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 290 ao respecto.
Así o constata o recente informe Mercado de Traballo 2017, realizado pola CIG, a partir dos dados da Enquisa de Poboación Activa (EPA). No último lustro, após a segunda reforma laboral, o número de traballadoras e traballadores con xornada parcial medrou “practicamente o duplo que as persoas contratadas a xornada completa”.
Se nos remontamos algo máis atrás, a respecto de 2009, no país destruíronse 104.700 empregos a xornada completa, situados hoxe na porcentaxe máis baixa desde o comezo da crise do capital financeiro. Mentres, no mesmo período, aumentaron en 26.300 aqueles con xornadas parciais, o que dá conta da magnitude do problema.
Representan xa un 15% do total de persoas asalariadas na Galiza, unha de cada dez ocupadas. A práctica totalidade destas traballadoras e traballadores son considerados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) como subempregados, é dicir, que aceptan esa xornada de forma involuntaria porque non teñen mellor opción. Na última década, o número de galegas e galegos nesta situación involuntaria medrou até un 23%.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 290 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]