Despiden, sen pagar, persoal dunha auxiliar das Pontes

Concentración de persoal da auxiliar das obras de Endesa (Europa Press).

M3, con sede en Cartaxena, traballou nas obras de mellora da central térmica e agora deixou sen traballo a trinta persoas.

A situación nas Pontes é cada vez máis complicada para as empresas do entorno da central térmica. Trinta traballadoras e traballadores da empresa auxiliar M3 con sede en Cartaxena (Murcia) denunciaron a pasada quinta feira o seu despedimento sen cobrar, nalgún dos casos, máis de mes e medio de salario por traballos para outra compañía, Imasa, nas obras de mellora que Endesa está a realizar nas súas instalacións nas Pontes.

Vicente Vidal, responsábel de CIG-Industria na comarca de Ferrol, afirmou que "a situación dalgúns destas traballadoras e traballadores é desesperante". Apunta que algúns "non son de aquí" e mesmo houbo un caso que "tivo que recorrer a Cáritas para poder manterse".

O persoal desta empresa denunciou que algúns cobraron algunhas cantidades das súas nóminas após poñer en coñecemento de Imasa a situación que estaban a padecer. "Mais outros non percibiron ningún tipo de salario polos cincoenta días traballados, ademais do seu despedimento posterior", asegura Vidal.

O responsábel de CIG-Industria sinala que "alguén ten que facerse cargo desta situación, ben a propia M3, que foi quen contratou a este persoal, ou Imasa, e no último caso Endesa, que é para quen realizaron os traballos".

Suspendida a marcha desde As Pontes á Coruña

A marcha desde As Pontes até A Coruña que está a realizar o grupo de traballo creado no municipio para demandar unha transición xusta e a continuidade da central térmica de Endesa suspendeu por mal tempo a última etapa desta sexta feira que tiña que rematar na Coruña. A primeira etapa tivo lugar a pasado 10 de decembro desde As Pontes até A Capela. Ao día seguinte a marcha continuou desde A Capela até o municipio de Miño. Esta quinta feira percorreron a pé o tramo entre Miño e Bergondo.