Denuncian ante Inspección de Traballo o cambio de horario “imposto unilateralmente” en Inditex

Inditex horarios (CIG)

Continúan as mobilizacións de persoal contra esa mudanza, decretada “dun día para outro”.

Persoas das tendas das marcas do grupo téxtil Inditex continuaron esta sexta feira coas mobilizacións ás portas de establecementos de Zara na Coruña e Santiago e de Bershka en Pontevedra para rexeitar a modificación de horarios .

Estes cambios, “impostos pola dirección”, en palabras da CIG, foron denunciados por este sindicato diante da Inspección de Traballo. Uns cambios, afirman, que afectan tamén as traballadoras e traballadores con concreción horaria para o coidado de crianzas, o que limita a conciliación da vida laboral e familiar.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explicou que a pesar de que xa se celebraron varias xuntanzas coa empresa o cambio de horarios continúa, xa que a dirección se nega a dar marcha atrás nunha decisión que, segundo adiantou, podería prolongarse o que queda de ano.

Lembrou que que Inditex modificou o pasado 18 de maio, “ de forma unilateral e dun día para outro”, os horarios do persoal de tendas en todo o Estado.

Unha decisión, indica a CIG, que incluíu tamén as traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas, o que di que supón un ataque directo contra o dereito de conciliación da vida laboral e familiar.

En consecuencia, denuncia a central, o persoal do grupo propiedade de Amancio Ortega queda sen día libre, límite de tardes e librada de fin de semana, “e nin sequera poderán gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei”.

A central presentou denuncia na Inspección de Traballo, que convocou as partes a unha xuntanza. “O único que aceptou a empresa foi non modificar as vacacións de verán, que quedarán como até o de agora”.