Denuncian a inmobilización "arbitraria" por Medio Rural dunha explotación gandeira

Cebadeiro inmobilizado (Nós Diario)
As decisións froito do control sanitario das explotacións gandeiras galegas por parte de Medio Rural non teñen fácil explicación nalgunhas circunstancias. É o caso dunha granxa de Narón que leva seis meses paralizada por unha actuación realizada hai seis meses e que agora vén de denunciar o Sindicato Labrego Galego diante da Valedora do Pobo por entender que non ten xustificación e prexudica á familia propietaria.  

Unha explotación gandeira familiar de Narón leva seis meses paralizada por Medio Rural e sen posibilidade de retomar a súa actividade económica da que dependen para obter ingresos no fogar. O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que a situación acontece "por mor dunha máis que reprobábel falta de transparencia administrativa" que non se resolve e foi a razón de pedir, esta mesma semana, a actuación da Valedora do Pobo.

María Jesús Otero, titular de dúas explotacións de vacún de carne en Narón, desenvolve o seu traballo nunha granxa de reprodutoras, na parroquia de San Xiao, na que cría as vacas nutrices; e un cebadeiro para os xatos na parroquia de Castro, a tres quilómetros da primeira. Argemiro Montero, membro da unidade familiar, explica a Nós Diario que a explotación gandeira fai un saneamento o 7 de xaneiro de 2020 sen que se detecten problemas sanitarios. A principios de marzo mercan unha vaca en Cantabria que se mantén illada do resto da explotación.

Ese mesmo mes s servizos veterinarios oficiais realizan unha proba de intradermotuberculinización simple, dando positivo e ordenándose o seu sacrificio. A partir dese momento as decisións do director xeral de Gandería resultan "incomprensíbeis" para a familia ao ordenarse o sacrificio do resto de gando "que estaba en boas condicións" e o baleirado da explotación a partir do 9 de xuño. No expediente de baleirado, após facer unha analítica, non se certifica o resultado de que estaban enfermas sinalando que serían "posíbeis positivos", adoptando logo a medida extrema de paralizar toda a explotación.

"Creo que lles fastidiou recoñecer que mataron catro vacas moi boas e que estaban ben, mesmo unha a piques de parir, un desastre", explica Montero que non entende como "paralelamente bloquean o cebadeiro sen dar máis motivos que apuntar ao caso da vaca sacrificada". Este gandeiro asegura que a oficina comarcal agraria de Ferrol, da que depende a explotación "funciona dunha maneira moi particular".

Recursos e petición á Valedora do Pobo

Desde o SLG presentan recurso de alzada contra o baleirado sanitario, recórrese a resolución mediante recurso de alzada polas numerosas carencias no proceso: a vaca que deu positivo non tivera contacto coas outras e as análises ante-mortem eran insuficientes. A día de hoxe, tres meses despois de presentar o recurso, a Consellaría de Medio Rural segue sen resolver.

"Consideramos excesiva a corentena que se lle impuxo a esta explotación e pensamos que é curioso que se inmobilice un cebadoiro que non ten conexión co resto da granxa", explica a Nós Diario Xosé Pérez, avogado do sindicato. A resposta ás demandas da explotación de levantar a inmobilización por parte da Consellaría, segundo explican desde o SLG, foron que perduraban as causas que motivaron a medida. 

Caso particular e posíbel indemnización

Nos anos que leva traballando este avogado non lembra unha inmobilización por motivos de tuberculose dun animal que perdure tanto tempo como está a acontecer con esta explotación de Narón. "As perdas que se provocan son moi grandes por non poder meter nin sacar animais a non ser que vaian ao matadoiro", explica, "tería que haber unha xustificación que explicara a medida, caso contrario rozaría o arbitrario", engade.

Sen contar a falta de ingresos durante todo este tempo, desde a granxa estiman que as perdas a día de hoxe serían de entre 5.000 e 10.000 euros. Pérez estima que podería haber indemnizacións por responsabilidade patrimonial da administración, ademais de polo sacrificio dos animais, se Medio Rural non demostra a proporcionalidade.