As demandas do persoal das residencias, no Parlamento

Representantes da CIG, CCOO, UXT e CSIF ás portas do Parlamento (Nós Diario)
Representantes da CIG, UXT, CCOO e CSIF do persoal das residencias públicas mantiveron encontros con responsábeis de PP, BNG e PSOE para demandar solución á súa "precariedade".  

Na décimo oitava semana de protestas das traballadoras e traballadores dependentes de Política Social da Xunta da Galiza, representantes da CIG, UXT, CCOO e CSIF mantiveron encontros con responsábeis dos tres grupos políticos con presenza no Parlamento -PP, BNG e PSOE- para buscar unha saída "á precariedade" que din padecer "desde o ano 2012".

Mar Peteira, traballadora do sector e membro da CIG, denuncia que a titular deste departamento, Fabiola García, "nunca nos chamou a negociar" e engadiu que "non nos vale de nada que en comparecencia parlamentaria a conselleira diga que está moi orgullosa do seu persoal". 

Redución de persoal

Acompañada por membros dos outros sindicatos, Peteira lembrou que a lei de medidas aprobada en 2012 para o persoal de Política Social fixo que se concretara unha "redución de persoal", ademais de rematar por facer que "non se reciba ningunha compensación por traballar domingos e festivos", algo que, segundo esta sindicalista, "non pasa en ningunha empresa da Galiza, só na Consellaría de Política Social". 

Para este sector a crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 "agravou" a situación que tivo que salvarse co traballo profesional das traballadoras e traballadores que compensou "a falta de medios materiais e persoais" para "manter as condicións óptimas" nos centros residenciais públicos. 

Devolución dos seus dereitos

A representante sindical reclamou a devolución dos dereitos "que se nos suspenderon" e advirte que se atopan "a mínimos" na actualidade. "As demandas veñen de moi atrás, mais esta situación de pandemia evidenciounas", sinala Peteira "se ti levas traballando anos con precariedade, cando vén unha crise como esta, agudízanse", chegou a engadir a representante da CIG. 

Nas reunións cos grupos tratouse da carga de traballo e a falla de medios do persoal nos centros de política social e solicitouse que nos orzamentos para 2021 se reforce o cadro de persoal dos centros de xestión pública aumentando o número de prazas públicas como garantía de calidade asistencial nas residencias e para "parar o negocio dos coidados coas nosas e cos nosos maiores”.