Da folga do 8M ao Día da Clase Obreira Galega
Dous días após a greve convocada con motivo do Día Internacional da Muller, as traballadoras e traballadores sairán á rúa para conmemoraren o Día da Clase Obreira Galega. Do asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla, operarios de Bazán, o 10 de marzo de 1972 nun ataque da policía franquista en que resultaran feridos medio cento de persoas, abrollou a batalla pola defensa dos dereitos da clase traballadora galega. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 287.
O masacre do 10 de marzo encetara días atrás, o 7, cando se asinaba en Madrid o convenio interprovincial para Bazán de Ferrol, Cádiz e Cartagena, un convenio que non representaba os traballadores galegos, que demandaban un propio. O día 8, os empregados de Bazán rexeitan en asemblea o acordo asinado en Madrid e a empresa despide seis representantes de CCOO. Un día após os traballadores mobilízanse contra os despedimentos e a patronal decreta o feche do estaleiro e mais a intervención policial. Ás 17h os grises cargan brutalmente contra os operarios. Era este o caldo de cultivo para o día 10, en que uns 4.000 traballadores saían en manifestación cara a Caranza logo de se concentraren diante de Bazán. A policía franquista sáelles ao paso para disolver a tiros o protesto. O balanzo é o coñecido: dous traballadores mortos, Amador Rei e Daniel Niebla, medio cento de feridos, 160 detidos, 150 despedidos e 45 xulgados. Os disparos que mataron os dous obreiros procedían, segundo testemuños dos feitos, da torre da igrexa do Pilar.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 287, á venda na loxa e nos quiosques habituais]