Concentracións en varias cidades galegas na defensa do dereito á greve

CCOO e UGT convocaron os protestos para pedir a derrogación do artigo 315.3 do Código penal, por entender que "criminaliza" a participación nas greves.

Varias concentracións e mobilizacións decorreron esta segunda feira en Galiza para reivindicar o dereito á greve e pedir a derrogación do artigo 315.3 do Código penal. A Coruña, Viveiro, Pontevedra, Lugo ou Ferrol foron algúns dos puntos onde se realizaron estes protestos. Tanto CCOO como UGT sosteñen que hai “razóns de abondo” para se mover contra o artigo 315.3, “polo que se criminaliza a participación dos traballadores nas folgas, ou a Lei de seguridade cidadá, que introduce máis recortes nos dereitos fundamentais”.

A greve é “un dereito fundamental recoñecido en case todos os países do mundo mais en España estase restrinxindo o seu exercicio para, ao tempo, silenciar á cidadanía. Preténdese converter o conflito social nun problema de orde pública, camiñando cara un Estado de carácter policial”. Afirman que “xa se criminalizaron as actuacións de trescentos sindicalistas en defensa dos dereitos dos traballadores”.