A CIG ve falta de melloras reais no anuncio da Xunta e sindicatos para reducir o horario docente
A Xunta da Galiza e as organizacións sindicais CCOO, ANPE, UXT e CSIF acordaron esta sexta feira avanzar na redución do horario lectivo do profesorado de Secundaria e, deste modo, continuar cos prazos de implantación do calendario fixado no acordo para a mellora do sistema educativo galego asinado a finais de 2023.
En concreto, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asinou con estas catro organizacións sindicais unha addenda ao acordo asinado no ano 2023 "pola cal se progresa na negociación para regular a diminución da xornada lectiva do persoal docente de Secundaria das 20 horas semanais actuais ás 18 horas".
Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o profesorado, lamentou "que se está volvendo deixar de lado ao sindicato maioritario" e advertiu de que "o que queren é desligar as negociacións da mesa sectorial".
"A nós parécenos un escándalo convocar unha rolda de prensa e montar este 'despiporre' para anunciar algo que era claro, que era que mentres non modificasen o acordo non se podía reducir o horario de Secundaria", manifestou a sindicalista.
Ademais, insistiu en que "calquera modificación ten que contar coa representación legal dos traballadores, ten que pasar por mesa sectorial, ou polo menos que teñan a delicadeza de dicirnos que van modificar o acordo". "Queren deixarnos de lado, mais o problema non é que estean a deixar de lado a CIG, o problema é que están a deixar a representación que escolleron 30.000 docentes", concluíu.
O ano que vén
Rodríguez insistiu en que "non é unha cuestión sinxela e non se pode improvisar", aínda que avanzou que a intención do Gobierno galego é que a modificación do horario sexa efectiva para o inicio do curso que vén.
O secretario de UXT-Ensino, Cristóbal Salgueiro, valorou "moi positivamente" poder avanzar nun dos aspectos "fundamentais" do acordo. O presidente de ANPE Galicia, Julio Trashorras, sinalou que "un acordo é un documento vivo". Mentres, a secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO, Noelia Sánchez, apelou a que a implementación "sexa o máis rápido e frutífera posíbel".
Porén, a CIG-Ensino denunciou que na información oficial da Xunta "non se concreta ningunha medida, agás unha addenda para desvincular a negociación da recuperación horaria do profesorado de Secundaria da baixada ás 35 horas semanais para todo o persoal empregado público da Xunta".