A CIG e sindicatos de 25 países analizan os riscos do belicismo para a clase traballadora

Un nomento do encontro de delegacións internacionais. (Foto: CIG)
650 delegadas e delegados participan este sábado no IX Congreso da Confederación Intersindical Galega.

O avanzo do fascismo e a súa ameaza para a clase traballadora e os pobos, o aumento do militarismo e da escalada bélica ou o incremento dos ataques a dereitos laborais, sociais e civís foron algunhas das cuestións tratadas esta sexta feira no seminario internacional que a CIG organizou no marco do seu IX Congreso —que decorre este sábado—e no que participan 32 delegacións internacionais.

Un total de 650 delegados e delegadas, en representación das máis de 85.000 persoas afiliadas, participan no congreso da CIG, a maior organización sindical da Galiza tanto en afiliación como en implantación social ou en número de representantes. O encontro decorre no  Pazo de Congresos de Compostela baixo o lema Coa forza da nosa clase: Traballo, dereitos e soberanía

Rematado o prazo, está confirmado que neste congreso concorre unha única candidatura á Comisión de Garantías, á Executiva Confederal e á Secretaría Xeral e que está encabezada polo actual secretario xeral, Paulo Carril. A xornada deste sábado analizará o traballo desenvolvido durante estes catros anos e marcará as liñas de traballo dos vindeiros catro.

Seminario internacional

Como previa a este congreso decorreu, tamén na capital galega o seminario internacional organizado polo sindicato nacionalista, baixo o lema Na defensa da paz. Traballo, dereitos e soberanía, no que participaron 32 delegacións internacionais convidadas para tratar “as ferramentas de loita traballadora diante da nova ofensiva do capital”. Delegacións de Portugal, Colombia, Palestina, Francia, Brasil, Euskal Herria, Italia, Nicaragua ou Austria, entre outras, e até un total de 25 países.

A todas elas deu a benvida Xosé Lois Rivera Jácome, Responsábel de relacións internacionais da CIG. "A ameaza fascista é unha realidade en boa parte do planeta", apuntou ao tempo que denunciaba o "contexto de guerra e de desmentalemento das conquistas laborais" e sociais, produto da "deriva á que nos leva o modelo neoliberal". A seguir foi a quenda das diferentes delegacións internacionais, que incidiron nos retos do presente e do futuro que deben afrontar as organizacións sindicais tanto nos seus respectivos países como a nivel mundial.

"O movemento sindical debe de recuperar o seu papel histórico, ser unha ferramenta de organización e abrir camiños cara á xustiza social", dixo Ohiana Lopetegi, coordinadora xeral do sindicato vasco LAB. "Entre todas", apelou, "debemos levantar un muro antifascista". Para Lopetegi, o escenario actual —"guerras, colapso climático, exclusión social, xenofobia..."— "fai parte do mesmo sistema un sistema que fracasou, o capitalismo neoliberal".

Rosalba Gómez, responsábel de Relacións Internacionais da Central Unitaria de Traballadores de Colombia, centro en explicar os avances logrados no seu país desde que "temos un Goberno social, que se preocupa dos traballadores e os dereitos laborais, da xustiza social", en referencia ao presidido por Gustavo Preto. 

Gómez incidiu na importancia de manter en Colombia a mobilización social "fronte á oligarquía, que se opón a este Goberno de Petro e a calquera avance da clase traballadora" e nese sentido apelou á "solidariedade" dos sindicatos do resto de países.

Facer fronte á "guerra ideolóxica" da dereita

En representación do Movemento de Traballadores de Canarias tomou a a palabra a súa responsábel de Relacións Internacionais, Lucy Rodríguez, que mostrou a súa preocupación "polo avance do fascismo nas súas distintas formas", e chamou a facer fronte á "guerra ideolóxica" que se impulsa desde a dereita e que ten nos sindicatos un dos seus obxectivos a batir. 

Mohamed Zoubiri, da Unión Xeral de Traballadores de Alxeria, central con dous millóns de afiliados, foi outra das voces no debate, onde incidiu na loita anticolonial e tivo referencias á necesidade de multiplicar os esforzos solidarios coa loita dos pobos palestino e saharauí.

 As intervencións e achegas  diferentes delegacións participantes foron decorrendo ao longo da xornada do Seminario Internacional, que foi clausurado polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril.