A CIG decidiu seguir adiante coas mobilizacións convocadas no sector da conserva de peixes e mariscos para reclamar un convenio colectivo digno tras a proposta presentada este 20 de xaneiro pola mediación no SIMA, que empeora aínda máis a achegada pola propia patronal. Desta forma, fan un chamamento a participar na manifestación que arrincará este sábado día 24 desde a Praza Ravella de Vilagarcía (O Salnés) ás 11.30 horas e que rematará na Praza de Galiza.
Na central sindical consideran que a convocatoria dunha nova reunión no SIMA en Madrid o 2 de febreiro “non pode levarnos á suspensión das medidas de presión acordadas, porque a proposta trasladada non supón ningún avance en dereitos para as persoas traballadoras do sector da conserva, que é o único que xustificaría desconvocar as mobilizacións”. Polo que lamentan que CCOO e UXT se teñan descolgado da manifestación e da folga prevista a pesar de que non se recollen as principais demandas dos cadros de persoal.
Así, desde a central consideran insuficiente a modificación da actual clasificación profesional, “sobre a base de que todo siga como está e de que o recoñecemento de categoría superior sexa unha cuestión arbitraria e dependa da decisión de cada empresa”.
E cualifican de “barbaridade” aceptar un convenio con vixencia de seis anos e cun empeoramento da cláusula de revisión salarial, “que tanto traballo custou introducir no anterior convenio”. Ademais, rexeita os incrementos de soldo propostos: un 2,9% en 2025, un 2,5% en 2026, un 2,5% en 2027, un 2,0% en 2028, un 1,5% en 2029 e un 1,5% en 2030.
A proposta inclúe tamén unha ‘mellora’ de catro horas/ano para acompañamento médico de crianzas e parente a cargo. "O que non contempla é nin unha soa hora de redución de xornada laboral en toda a súa vixencia", di a CIG.
Así, desde a central nacionalista inciden na necesidade de contar cun novo sistema de clasificación profesional baseado na valoración de postos de traballo, para o que considera necesario definir cada nivel e anexar un catálogo con todos os postos de traballo e o seu encadre nos niveis (nomenclátor). Tamén demandan complementos obxectivos e regulados no convenio: quendas, frío, perigosidade, polivalencia etc. Así como pactar en que nivel se sitúa cada unha das categorías actuais e asignar o persoal a cada nivel en función da súa categoría e do traballo que realiza. Por último, a central sindical reclama unha suba salarial lineal en todos os niveis que garanta uns salarios dignos para o persoal.