Catro feridos, entre eles un menor e un bombeiro, nun incendio nunha vivenda en Recimil, en Ferrol

Vivenda afectada. (Foto: EUROPA PRESS)

Dúas das vítimas foron evacuadas en estado grave ao hospital Arquitecto Marcide tras declararse o lume de madrugada nun inmóbel da rúa Álvarez de Soutomaior, en Ferrol.

 

Catro persoas resultaron feridas na madrugada deste 19 de febreiro, entre elas un menor e un bombeiro, após rexistrarse un incendio nunha vivenda do barrio de Recimil, en Ferrol. Segundo informa o 112 Galiza, foi minutos antes das 06 horas cando o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiu o primeiro aviso por fume nun inmóbel da rúa Álvarez de Soutomaior. A persoa que alertou indicaba que había alguén asomado a unha xanela pedindo axuda.

De inmediato mobilizáronse os Bombeiros de Ferrol, que solicitaron tamén a colaboración do equipo de Narón. Así mesmo, foron avisadas a Policía Local e a Policía Nacional, ademais dos servizos sanitarios, ante a posibilidade de que houbese persoas afectadas.

Pouco despois, os profesionais sanitarios confirmaron o traslado de catro persoas ao hospital Arquitecto Marcide, dúas delas en estado grave. Entre os feridos atópase un membro do operativo de extinción e un menor de idade. En canto aos danos materiais, os bombeiros sinalaron que unha habitación quedou completamente calcinada, aínda que o fume afectou a totalidade da vivenda e tamén á casa contigua.

Incendio na Coruña

Ademais, tamén de madrugada, produciuse outro incendio nun piso da rúa Barcelona, na Coruña. Neste caso, unha persoa resultou ferida con queimaduras nas mans e nun pé. O lume iniciouse pasadas as 04 horas e afectou a unha habitación, mentres que o fume se estendeu a outras dúas estancias. A vivenda, na que residían catro persoas, foi desaloxada e a muller ferida trasladada a un centro hospitalario.