A CIG reclama unha "negociación real" do rexistro de xornada laboral

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na redacción de 'Nós Diario' nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)

O secretario xeral da central sindical, Paulo Carril, denuncia o “diálogo social” co que o Ministerio "exclúe" sindicatos representativos, como a propia CIG, e reclama que o novo Real Decreto de rexistro inclúa a xornada de 35 horas.

A CIG vén de facer públicas as súas propostas no marco da consulta previa sobre o proxecto de Real Decreto que debe desenvolver a normativa en materia de rexistro de xornada. O secretario xeral, Paulo Carril, remitiu ao Ministerio de Traballo unha carta na que reclama medidas máis ambiciosas que vaian alén do control horario. Fíxoo no mesmo día en que a ministra Yolanda Díaz anunciara en Ferrol que o Goberno español tramitará pola vía de urxencia a normativa legal de rexistro e control horario, despois de que a lei de redución de xornada laboral fose rexeitada na votación parlamentaria.

Carril alerta de que a regulación non pode demorarse máis, pois cómpre pór fin "aos abusos que sofren as persoas traballadoras polos excesos de xornada". Ao seu ver, o chamado diálogo social, "alegal e degradado", converteuse nun freo para o avance dos dereitos laborais.

A central sindical lembra o acontecido co anteproxecto para reducir a xornada de traballo máxima, no que, denuncia, o Ministerio "discriminou" a CIG das negociacións malia ser sindicato maioritario e coa condición legal de máis representativa. Ese proceso rematou, segundo Carril, nun texto que non incorporou a proposta da CIG de avanzar cara ás 35 horas semanais, camiño das 32.

Nas alegacións presentadas, a organización sindical exixe un novo proceso de consultas e negociacións que incorpore tamén a redución da xornada laboral, coa vista posta na normalización da semana laboral de catro días. Argumenta que xa existen sectores nos que esta medida é viábel grazas á dixitalización e á tecnoloxía. "Todos os datos oficias relacionados coa xornada laboral demostran a necesidade de que, dunha vez, a lexislación acompañe e promova os avances sociais nesta materia, fixando unha xornada legal máxima de 35 horas e favorecendo o descanso, conciliación e desconexión das persoas traballadoras", explica Paulo Carril.

O secretario xeral lembra que a CIG xa presentara en 2017 unha proposición de lei sobre rexistro diario de xornada, que logo foi "apropiada" por outro grupo parlamentario e materializada no Decreto-lei 8/2019, mais con modificacións "que a fixeron insuficiente". Entre outras eivas, sinala que se deixou en mans da negociación colectiva a implementación do rexistro, o que impide un control real das horas extraordinarias.

A CIG propón agora artigos concretos para garantir o dereito á desconexión dixital, a obrigatoriedade dun rexistro diario e fiábel mediante medios dixitais, así como a conservación dos rexistros durante catro anos e a súa entrega periódica ás persoas traballadoras e á representación sindical. Aliás, solicita a modificación da Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social para endurecer as consecuencias dos incumprimentos empresariais en materia de xornada, horas extraordinarias e descansos.

"Limitármonos a regular o rexistro de xornada é unha nova demostración de incapacidade e de feble vontade de promover unha regulación coa que realmente avancemos en dereitos", afirma Carril na súa carta ao Ministerio.