A CIG premia a loita do persoal do SAF das Neves e o de Maitours
A CIG fixo entrega esta sexta feira dos premios '8 de marzo', ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) das Neves (O Condado), e '10 de marzo', ao persoal de Maitours –Grupo Alsa–. Uns galardóns cos que, un ano máis, a central sindical nacionalista quere "visibilizar a loita protagonizada por mulleres, no primeiro caso, e aquela loita da clase traballadora galega que sobresaíse durante o ano anterior na nosa nación, no segundo".
A entidade contou, neste acto, coa asistencia de representantes institucionais, organizacións e persoeiros da vida social, política e cultural de todo o país para "dar a transcendencia que merecen ás persoas homenaxeadas e para conmemorar unhas datas de tanto simbolismo internacional, nacional e social como son o Día da Clase Obreira Galega e o Día Internacional da Muller Traballadora".
Persoal de Maitours
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destacou o conflito de Maitours como "un exemplo de resistencia, de dignidade e de loita pola mellora das condicións salariais e laborais no ámbito da negociación colectiva", pois, salientou, os traballadores e as traballadoras da filial de Alsa en Ferrol "tiveron que pelexar por algo tan básico como que se lles aplicara o convenio colectivo de sector e non un convenio extinto –o da antiga Tranvías de Ferrol– de condicións inferiores".
"O inmobilismo da empresa, prestadora dun servizo público, e a inacción das diferentes administracións obrigaron o persoal a soster a folga durante cinco meses malia que o Estatuto das persoas traballadoras estabelece que as condición dun convenio de empresa non poden ser inferiores ás do convenio sectorial de referencia e que as cláusulas do contrato de transporte da Xunta contemplan mecanismos para actuar ante os incumprimentos laborais das adxudicatarias", salientaron desde a CIG.
SAF das Neves
A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, entregou o Premio '8 de Marzo' ás traballadoras do SAF das Neves destacando que, de entre as loitas dos sectores feminizados, a delas “foi especialmente meritoria por poren en evidencia unha problemática que vai máis alá do laboral, a privatización de servizos esenciais por parte dos concellos e a neglixencia destes e da Xunta en canto ás condicións en que se presta o servizo e a relación laboral que impoñen as empresas".
Castro recoñeceu a "enorme dificultade" que entrañaba esta loita, o que considerou que engade "méritos" a este conflito, “pois a dispersión das traballadoras, que non comparten un mesmo local de traballo, dificulta o contacto para a posta en común sobre os problemas e organización do conflito". A isto engadiu que nas localidades pequenas as relacións persoais fan "máis custosa a denuncia pública de mala praxe por parte dos concellos".
Fixo especial referencia ás traballadoras dos sectores feminizados que se atopan nas franxas salariais máis baixas, máis do 40% con retribucións inferiores ao salario mínimo interprofesional (SMI). Por iso, considerou que “non pode haber un feminismo verdadeiramente liberador se non ten como preocupación fundamental a igualdade nos dereitos laborais das mulleres”. E subliñou que “a perspectiva de xénero é imprescindíbel para unha acción sindical que sirva realmente para mellorar a vida das traballadoras”.