A CIG mobilízase ante os edificios da Xunta para exixir "un plan galego de recuperación económica e protección social"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, esta cuarta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
O sindicato mantivo asembleas de delegadas e delegados en todas as cidades no camiño do Primeiro de Maio.

Delegadas e delegados da CIG mobilizáronse esta cuarta feira nas sete grandes cidades galegas e en Vilagarcía de Arousa (O Salnés) diante dos edificios da Xunta da Galiza para reivindicar "un plan galego de recuperación económica, un plan de protección social e plenas competencias para Galiza en materia laboral, económica e fiscal". 

As concentracións estiveron precedidas da realización de asembleas e constituíron a antesala das 17 mobilizacións que a CIG ten convocadas para o Primeiro de Maio, que o sindicato conmemorará baixo o lema 'Traballo, Dereitos, Soberanía. Galiza contra as Guerras'.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea e na concentración da Coruña, destacou "a necesidade de pór en marcha un plan galego de recuperación económica que aposte pola industrialización, a creación e defensa de emprego digno e uns servizos públicos fortes". Todo isto, dixo, "fronte ás políticas suicidas que aplica o Goberno do PP na Xunta".

Unhas políticas, advertiu, "que nos levan a un avance da pobreza e da desigualdade e van encamiñadas á depredación dos nosos recursos naturais para poñelos en favor dos fondos de investimento, prolongando e afondando na nosa condición colonial de despensa de recursos mentres se desertizan comarcas enteiras e a emigración continúa".

Mobilización da CIG en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Para levar adiante este plan, o líder sindical reclamou a intervención pública en sectores estratéxicos e o aproveitamento dos recursos galegos "para xerar emprego, completar ciclos produtivos, aumentar o valor engadido e garantir un desenvolvemento equilibrado territorial e ambientalmente".

Carril reivindicou, así mesmo, un plan galego de protección social que estea "centrado na atención ás persoas, a creación dun parque público de vivendas e a constitución dun sistema público galego de coidados, fortalecendo servizos como o ensino e a sanidade".

Asemblea da CIG en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Neste sentido, lembrou que esta quinta feira, 10 de abril, a CIG ten convocada unha xornada de folga nas residencias privadas por un convenio digno e contra a "obsesiva mercantilización dos coidados e a privatización dos servizos públicos do PP".

Xunto a isto, a CIG reclamou plenas competencias para Galiza en materia laboral, económica e fiscal. "Para decidir o noso modelo económico e social como alternativa viábel para vivir e traballar dignamente no noso país", salientou a central.

Escalada belicista

O secretario xeral do sindicato nacionalista indicou que estas mobilizacións se desenvolven no contexto do Primeiro de Maio, data na que a CIG ten convocadas 17 mobilizacións en todo o país "para exixir traballo, dereitos, soberanía e lanzar un berro da Galiza contra as guerras e pola paz".

Ao respecto, advertiu do actual contexto de crise global, "marcado pola ofensiva do capitalismo neoliberal, a escalada belicista e as exixencias de aumentar o gasto militar por parte da nova Administración dos EUA, que obedientemente cumpren a Unión Europea e o Goberno español".

Finalmente, Carril denunciou que estas demandas estadounidenses, xunto coa imposición dos aranceis, constitúen "un intento dos EUA de impor unha nova fase do imperialismo e de afondar na explotación de clase, que pode supor un retroceso importante das condicións de vida do conxunto da poboación porque a guerra e o gasto militar significan caldo de cultivo para o fascismo, mais tamén pobreza, desemprego e desigualdade".