CIG-Ensino exixe a demisión do conselleiro após a sentenza que anula o concurso de traslados

.

A Consellaría de Educación anunciou que acatará, sen recorrer, a sentenza que anula o concurso de traslados no que participaran 8.000 ensinantes e se adxudicaran 1.600 prazas. A CIG-Ensino exixe a demisión do Conselleiro pola “gravidade dos feitos”. 

Máis de 1.600 ensinantes dirixíranse xa aos novos centros, adxudicados despois do concurso de traslados no que participaron por volta de 8.000 ensinantes. Son @s afectad@s de maneira directa da decisión da Consellaría de Educación de anular o concurso acatando a sentenza do Tribunal nº 2 de Compostela que invalida parcialmente a convocatoria. 

A mesma Consellaría que optara por aplicar unilateralmente o novo baremo polo que se computaban de igual maneira o tempo de interinidade que o de funcionariado de carreira, alegando maior seguridade, xurídica acata agora, sen a recorrer, a sentenza que bota por terra a decisión tomada ao convocar o concurso. O departamento da Xunta presidido por Xesús Vázquez continúa sen informar aos sindicatos da súa decisión e remite ao Portal Educativo para coñecer os pasos que a seguir darán para solventar a situación creada tras a anulación do concurso. En principio, todo apunta a unha nova rebaremación do profesorado mais hai serias dúbidas de que o proceso remate a tempo para que o 31 de xullo se publique a resolución dos destinos de ensinantes que aínda non teñen praza definitiva, segundo o calendario previsto. 

Desde a CIG-Ensino exixen a dimisión do Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez pola “gravidade” dun proceso que, segundo din, “roza o esperpento e supón unha desconsideración total do profesorado”.  Critican o cambio de posicionamento da administración educativa a respecto do concurso que, se ben no momento de convocar explicaban en función dunha maior seguranza xurídica, remitindo á doutrina do tribunal da UE, agora nin sequera recorren á sentenza emitida polo Tribunal de Santiago. Con moitas posibilidades, a Consellaría optará por rebaremar e adaptar de novo os criterios que se empregan no concurso estatal, polo que a decisión que veñen de facer pública na súa web respondería a razóns políticas de acatar a liña seguida desde Madrid e non técnicas. 

Anxo Louzao critica o "esperpento" da xestión e o "escurantismo e prepotencia" da Consellaría 

Barco á deriva

“A única información que temos é a do portal da Consellaría e non dubidamos de que esta é unha decisión política, un novo desatino e unha tomadura de pelo ao profesorado que demostra unha vez máis a falta de seriedade da administración educativa que continúa dando pasos en falso”, critica, en declaracións a Sermos Galiza, Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino. Denuncia o “escurantismo” do departamento dirixido por Xesús Vázquez que durante todo o día non responderon á petición de información por parte do sindicato. 

Custa entender, segundo Louzao, que despois da Consellaría ter defendido a conveniencia da súa actuación, acaten a primeira sentenza sen recorrer nin unha soa vez se non é por presións e decisión de orde política. 

“A Consellaría é un barco á deriva e o conselleiro é quen ten que levar o temón. A súa actuación é prepotente ao non ter en conta aos representantes dos traballadores  en cuestións que, como esta, lles está afectando directamente”, di Louzao para explicar a petición de demisión que defende a CIG. 

A falta de dirección que marque o rumbo da Consellaría está afectar tamén, segundo Anxo Louzao, ao caos que se está a producir a respecto da LOMCE. “Pretenden comezar a aplicala o curso que vén e nin sequera teñen publicados os currículos. Traballan á lixeira e sen rigor, con temeridade e irresponsabilidade”, sinala.