O ciclista de Vestas contra o ERE chega á Eurocámara

Alejandro Paleo con Millán Mon, Nicolás González e Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)
Europarlamentares dan apoio ao persoal da fábrica de Chavín, no municipio de Viveiro.

Unha delegación dos traballadores da planta de Chavín (Viveiro) da multinacional Vestas, que ameaza co fechamento da fábrica e un ERE que afecta 115 operarios, reuniuse esta segunda feira en Bruxelas cos eurodeputados Millán Mon (PP) e Nicolás González (PSdeG) e coa portavoz do BNG en Europa, Ana Mirada. 

O encontro coincidiu coa chegada a Bruxelas do ex ciclista profesional Alejandro Paleo, que partiu en bicicleta o pasado domingo 3 de outubro da planta de Chavín rumbo á cidade danesa de Aarhus -onde Vestas ten a súa sede- para entregar aos directivos da multinacional unha carta en que o comité de empresa da fábrica de Viveiro solicita que non se feche a factoría.

O eurodeputado popular Millán Mon difundiu na súa conta de Twitter fotos do encontro co cancelo #VestasNonSePecha.

"Están a facer unha viaxe en bici de Viveiro a Aarhus por mor da intención de feche da fábrica de aeroxeradores da Mariña botando 115 traballadores", expresou.

Pola súa banda Ana Miranda urxiu á creación e aplicación dun plan de emprego e industrialización para A Mariña que evite que a comarca "se converta nun deserto industrial e demográfico".

A nacionalista urxiu a Xunta a paralizar o ERE, "pois non existe ningunha razón que o xustifique", dixo, en tanto se trata dunha planta que fabrica aeroxeradores. “É paradoxal que queiran fechar a fábrica cando se fomenta a instalación de parques eólicos”, dixo Miranda.

Aliás, urxiu o Goberno estatal a derrogar a reforma laboral, xa que se esta non estivese en vigor "o ERE non podería ser levado adiante" coa simple decisión da empresa.

O eurodeputado socialista Nicolás González lembrou que xa hai semanas que o seu grupo preguntou á Comisión Europea por este fechamento para saber as axudas recibidas pola empresa. "Non se entende fechar unha fábrica de renovábeis rendíbel en plena transición ecolóxica".