Centos de persoas denuncian en Compostela a precariedade laboral na Xunta
A marcha reuniu traballadores de diferentes sectores da administración pública para reclamar a fin da precariedade laboral e defender os servizos públicos.
“Hai máis precariedade na Xunta da que se pensa”. As propias organizadoras da Marcha do persoal precario da administración pública, que esta quinta feira, día 16, percorreu Compostela, advertían nestes días sobre unha realidade que non é percibida por parte da sociedade galega: a precariedade laboral que aniña no sector público. Para denunciar esa situación, centos de persoas marcharon pola capital de Galiza nunha mobilización do máis colorida: globos rosas da sanidade, verdes dos traballadores forestais, laranxas, brancos... Porque na marcha había traballadores de diferentes sectores. “Unidade de colectivos distintos en base a problemas comúns”.
Porque a realidade é que hai empregados con contratos de tres meses ao ano ou ben empregadas que levan encadeando contratos temporais desde hai 20 anos. Por iso reivindican que teñen dereito “a un proceso de consolidación que lle dea saída a máis do 50% de temporalidade que hai na administración, que non se empreguen as ofertas públicas de emprego (OPE) como coartada para nos mandar á rúa cunha man diante e outra detrás”.
Imaxes: @carmensantosQ @enmarea e @cutcitroen