Centos de armadores protestan en Cambados contra os novos controis da UE
Centos de armadores, patróns maiores e pescadores das Rías Baixas concentráronse esta segunda feira no porto de Tragove, en Cambados (O Salnés), para protestar contra as novas exixencias da Unión Europea de control pesqueiro. O patrón de Cambados, Alejandro Pérez, sinalou, en conversa con Nós Diario que “o regulamento ten unha serie de puntos que son totalmente lesivos para a frota artesanal e de arrastre, entre outras”.
A protesta, á que acudiron ao redor de 600 persoas, de acordo coa organización, realizouse tras unha pancarta co lema 'Modificación do regulamento de control. Somos pescadores, non delincuentes'. Ademais, os manifestantes portaban diferentes carteis en contra do diario electrónico e en defensa da frota de baixura.
E é que entre as medidas que entran en rigor destacan o estabelecemento dun prazo horario fixo de catro horas de antelación para a notificación previa de entrada a porto. "Un barco que traballe aquí na ría de Arousa, en Aguiño (Ribeira), e teña que vir para a zona de Cambados, ten unha hora de ruta. Se estivese traballando perto desta zona, sería moito menos tempo; non ten sentido mandar un aviso de entrada a porto igual, de dúas horas de antelación”, denuncia Pérez.
No día a día, este regulamento tamén se manifesta doutras maneiras. Os mariñeiros teñen que ir anotando quilo a quilo todo canto se vai recollendo. Nalgúns casos nos que se pesque e o produto veña do mar con "especies acompañantes", advirte o patrón cambadés, "é moi fácil equivocarse nos quilos que se collen, e isto implica unha sanción". Entenden que esta normativa "é máis agresiva neste sentido, é moi díficil que se poida completar correctamente".
Tamén destaca outra casuística que considera que se está "deixando atrás e ten moita importancia": calquera armador ten que informar ao inicio da marea. "Se, por mala sorte, o equipo, o ordenador, non funciona, e non podes dar o inicio da marea, non podes saír ao mar e facer os teus labores", di.