CCOO propón 45 medidas para unha eólica "socialmente xusta" na Galiza

Presentación do informe de CCOO, este 28 de outubro en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O sindicato pide unha maior implicación e participación social.

CCOO presentou esta terza feira en Compostela as concusións do proxecto 'Sociedade, eólica e traballo: propostas para un modelo de desenvolvemento eólico en Galicia socialmente xusto', elaborado polo Instituto Sindical de Traballo, Ambiente e Saúde da Fundación 1.º de Maio, en colaboración co sindicato . Do proxecto extráense 45 medidas propostas para “apostar por un modelo de transición enerxética que combine participación social, emprego de calidade e respecto ambiental”, segundo destacou a secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, na presentación das conclusións. 

Entre as recomendacións para o desenvolvemento eólico no país figuran unha maior implicación da sociedade civil, a supresión da obrigatoriedade de repotenciar os parques ao faceren 25 anos e a modificación do canon eólico, que debería calcularse “en función da potencia das instalacións e destinarse integramente aos concellos afectados”.

CCOO reclama que a Xunta da Galiza “habilite mecanismos de diálogo construtivo con todos os actores sociais e económicos implicados”, e a respecto dos promotores eólicos considera que “deben garantir unha información temperá e completa, así como negociar coas entidades locais a situación dos proxectos e medidas compensatorias polos posíbeis efectos negativos”.

O documento tamén propón “reconsiderar” o uso das declaracións de interese público e as expropiacións que se dan frecuentemente nas tramitacións administrativas destes proxectos, “limitándoas a casos excepcionais e só para liñas de evacuación eléctrica”.

Sobre a eólica mariña, CCOO ve preciso o “diálogo” entre empresas eólicas e sector pesqueiro para garantir unha “coexistencia equilibrada” que delimite as zonas designadas nos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).