Cada pensionista perderá 535,6 euros de media en 2026 tras anularse a revalorización

Elma Saiz, ministra de Seguridade Social. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A partir de febreiro, a poboación pensionista poderá chegar a perder centos de euros neste 2026 tras rexeitar PP, Vox e Junts o decreto 'ómnibus' que contiña a revalorizaións das pensións. Os galegos, xunto cos estremeños, son os que menos pensión cobran de media no conxunto do Estado español.

Após o 'non' do PP, Vox e Junts no Congreso español ao decreto 'ómnibus', no que o Goberno estatal presentaba medidas de carácter social como a revalorización das pensións contributivas (+2,7%), mínimas (+7%) e non contributivas e de ingreso mínimo vital (+11,4%), debúxase un novo escenario que vivirán os pensionistas da Galiza a partir de febreiro. Estes incrementos, aínda que se rexeitaron, aplicaranse nas nóminas de xaneiro, posto que a norma estaba vixente até esta terza feira, segundo explicou o Ministerio da Seguridade Social. Con todo, en febreiro volverase cobrar igual que en 2025 se non hai acordo no Congreso para validar un novo decreto co incremento antes de marzo.

Tendo en conta este contexto, a pensión media na Galiza a xaneiro de 2026 sitúase nos 1.174,29 euros, 41,20 euros máis que no mes anterior, decembro de 2025, onde os pensionistas galegos cobraron 1.133,09 euros. Polo tanto, perderán de media 535,6 euros desde febreiro até decembro (nas 13 pagas restantes) se se mantén ese 
'non' á revalorización. Tras decaer o decreto lei, o Ministerio que dirixe Elma Saiz asegurou que "o Goberno español traballa intensamente para preservar os dereitos dos cidadáns e cumprir o seu compromiso inquebrantábel cos pensionistas: que a revalorización prevista para 2026 sexa unha realidade".

No caso das pensións por xubilación, no que se pasou de cobrar 1.298,61 euros en decembro de 2025 até os 1.344,61 de xaneiro, é dicir, 46 euros máis, os xubilados da Galiza perderán 598 euros no que resta de ano (13 pagas).  As persoas que cobren pensión por viuvedade, perderán nas vindeiras 13 pagas 399,49 euros, despois de incrementarse 30,73 euros desde decembro (799,47 euros) a xaneiro (830,20 euros).

En canto a orfandade, perderanse nas 13 pagas restantes 326,95 euros de media, despois da suba de 25,15 euros no último mes: de 524,77 euros en decembro a 549,92 euros en xaneiro. No caso das pensións en favor de familiares, a perda sitúase nos 36,08 euros mensuais, 469,04 no que restan de pagas. Finalmente, para as pensións por incapacidade, na que se pasaron de cobrar 1098,71 a 1.137,17 no último mes, pérdese esa suba de 38,46 euros, 499,98 euros en total a final de ano.

Diferenza co resto do Estado

A pensión media na Galiza comeza 2026 cunha suba de 4,88% respecto a xaneiro de 2025, até 1.174,29 euros, o que supón o segundo dato máis baixo do Estado español -só con peor cifra en Estremadura, con 1.163,32 euros-, segundo informou esta terza feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. E é que a pensión media no Estado é de 1.363,36 euros (+4,49%), é dicir, 189 euros por encima do dato galego. 

Segundo os tipos de prestación, a pensión media de xubilación sitúase en 1.344,61 na Galiza no comezo do ano, 219 euros por baixo dos 1.563,56 euros da media española. É o segundo peor dato, só por encima de Estremadura (1.334,34 euros). No país son 490.945 as persoas que cobran este tipo de prestación. 
A pensión media de viuvedade é de 830,20 euros na Galiza, tamén na cola (971,91 euros no Estado). E a pensión media de incapacidade permanente é de 1.137,17 euros na Galiza, inferior aos 1.253,18 euros da media.  A pensión de orfandade é de 549,92 euros (549,89 euros no resto do Estado) e de 734,23 euros en favor de familiares (818,29 euros de media). Ademais, hai 98.383 pensionistas no país que teñen algún complemento por fenda de xénero, cun importe medio de 70 euros. 

Evolución da pensión media na Galiza e no Estado español desde xaneiro de 2022 até xaneiro de 2026. (Autoría, Nós Diario).

A CIG pide a revalorizalas co IPC real

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG ten convocadas concentracións o próximo 2 de febreiro  nas sete cidades para "reclamar a aprobación e aplicación inmediata da suba das pensións", logo de ser rexeitado no Congreso o decreto que incluía o incremento previsto para este 2026. Denuncian que, "unha vez máis, se deixa as persoas xubiladas e pensionistas na indefensión ao non estar garantida por lei a revalorización", polo que reivindican que esta sexa automática e calculada conforme ao IPC real interanual.

A CIG leva anos "denunciando as reformas das pensións que nos levaron á situación actual" e mobilizándose por un sistema de pensións "públicas e dignas". Advirten que seguirán a se mobilizar cantas veces sexa necesario porque o que está en cuestión non son cifras nin porcentaxes, "senón a dignidade de centos de miles de persoas que, despois dunha vida enteira de traballo teñen dereito a seguridade"