Unha de cada 10 persoas que padecen un proceso de regulación do emprego no Estado español son galegas
O número traballadoras da Galiza afectadas por procesos de regulación do emprego (despedimentos colectivos e expedientes para a suspensión de contratos ou as reducións de xornada) foi de 301 en agosto, 9,4% das 3.193 que padeceron estas situacións no Estado español no mesmo período, practicamente unha de cada dez.
Desta maneira, a pesar de que a masa laboral da Galiza supón menos da metade da cantidade de persoas dadas de alta na Seguridade Social no País Valencià ou menos da terceira parte da afiliación na Comunidade de Madrid, o número de afectadas a nivel galego por estas situacións foi, en termos absolutos, moi semellante ao rexistrado nestas autonomías. Así, Galiza foi a cuarta comunidade do Estado con máis traballadoras que padeceron estes procesos.
Neste sentido, Catalunya foi a autonomía que máis traballadores e traballadoras afectadas por despedimentos colectivos e expedientes para a suspensión de contratos ou as reducións de xornada en agosto, cun total de 882. Séguena o País Valencià, con 374 afectadas, e a Comunidade de Madrid, con 320.
En termos relativos, rexistráronse aumentos en sete comunidades e descenso en 10, principalmente en Asturias, onde as afectadas caeron 98,8%, e en Andalucía, onde os casos retrocederon 76,6%.
Inspección de Traballo
A Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) enviou 39.116 cartas a empresas para que regularicen e fagan indefinidas un total de 86.903 persoas traballadoras a nivel estatal.
Esta iniciativa forma parte do II Plan contra a fraude, que a Inspección puxo en marcha e co que se pretende regularizar contratos temporais e fixos descontinuos considerados fraudulentos en indefinidos.