Os autónomos da Galiza queren seguir limando a proposta de bases de cotización

O modelo previsto polo Ministerio de Seguridade Social diferencia 13 tramos distintos de cotización en función dos ingresos (Foto: Europa Press).
ATA amosa o seu rexeitamento á ultima proposta do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, mentres UPTA a ve con bos ollos

O Ministerio de Seguridade Social presentou a pasada quinta feira unha nova proposta para o sistema de cotización das traballadoras e dos traballadores autónomos que recolle a proposta do colectivo de axustar as devanditas bases aos ingresos reais. 

Porén, desde as asociacións de autónomas na Galiza, aínda que ven "con bos ollos" que se teña asumido esta petición na definición do novo sistema, pensan que hai que seguir perfilando a proposta do Executivo estatal.

A postura máis crítica é a da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) na Galiza. O seu presidente, Rafael Granados, avanza a Nós Diario o seu rexeitamento á proposta. "Non a imos aceptar, xa que non a vemos equitativa en función dos distintos autónomos que hai".

Refírese Granados ás diferenzas á hora de considerar os ingresos de cada profesional, xa que non en todos os casos teñen a posibilidade de desgravar os gastos, co que os ingresos sobre os que se calcularán as bases serán diferentes aínda que cobren o mesmo polos servizos que prestan á súa clientela. "Pídennos que coticemos por algo que non ingresamos realmente", critica.

Aumento dos gastos

Ademais, indica que as modificacións nas contratacións contempladas nos orzamentos e esta nova valoración de ingresos reais "o único que están a facer é meternos gastos por todos lados e iso vai xerar que moitos autónomos non poidan aguantar, e tamén fomentará a economía mergullada", advirte Granados.

"Parece que intentan resolver o problema das arcas da Administración coas bases de cotización dos autónomos. O único que fan é incrementar os gastos e pór máis barreiras para poder ser autónomo, ser emprendedor", lamenta o directivo.

Con todo, o responsábel de ATA Galiza indica que agardarán a ver o que lles mandan por escrito, "pero se xa non nos gusta a música, moito menos nos vai gustar a letra", avisa.

Pola súa parte Jesús Diéguez, secretario de Agtamar-UPTA na Galiza, celebra o cambio de criterio do ministerio. "Levábamos anos solicitando o cambio do réxime de cotización. Esta segunda feira imos seguir negociando co ministerio e analizando en que tramos podemos axustar, pero en liñas xerais vemos con bos ollos que se equipare o réxime de cotización á filosofía que se emprega cos traballadores por conta allea". "Hai que seguir limando detalles", insiste 

A proposta do Goberno 

A proposta de Seguridade Social consiste nun sistema flexíbel de 13 tramos que van desde os de menos de 600 euros ao mes até  os que superan os 4.050 euros, coa posibilidade de cambiar até seis veces ao ano as bases.

O modelo estabelece unha cota mínima que rolda os 184 ao mes para aquelas autónomas con ingresos por baixo dos 600 euros, á vez que fixa unha máxima de 1.267 euros para aquelas que ingresen máis de 4.050 euros. Mantense a tarifa plana e focalízase nas persoas con rendementos inferiores ao Salario Mínimo Profesional para apoialas no inicio da actividade.

O Executivo propón nove anos de transición para a adaptación ao sistema, aínda que cada tres anos avaliaríase a situación.