Alcoa paraliza os despedimentos até o 15 de xaneiro
28 de decembro de 2018 (10:50 h.)
A multinacional acepta prolongar a negociación tres semanas.
Alcoa aceptou finalmente unha prórroga no período de negociación do despedimento colectivo que pende sobre os 700 traballadores das factorías da Coruña e Avilés.
A multinacional aceptou após unha maratoniana xuntanza en Madrid de varias horas cos representantes do persoal mais só concede tres semanas máis: até o 15 de xaneiro. A partir de aí, e se non hai acordos ou variacións da situación, empezarían os despedimentos.
Alcoa quer que os sindicatos entren a negociar os despedimentos algo ao que estes se negan, apostando na viabilidade e mantemento das factorías. Os traballadores apostan por un inversor disposto a adquirir estas plantas e a manter o emprego e a actividade.