Afunde un barco fronte a Cedeira con catro tripulantes a bordo, que foron rescatados
25 de novembro de 2024 (18:35 h.)
O accidente produciuse a 1,3 millas da punta Candieira.
Na tarde desta segunda feira, o pesqueiro El Cañavera, con folio de Granada e con porto en Cedeira, sufriu unha vía de auga a 1,3 millas da punta Candieira, en Cedeira (Ferrolterra). A fuga acabou por provocar o afundimento do buque.
Así o confirman fontes de Salvamento Marítimo, que mobilizou o Helimer 401, a Salvamar Shalua e o LS Pardo Bazán da Cruz Vermella.
O pesqueiro Brisas, que se atopaba nas proximidades, localizou a balsa salvavidas na que se atopaban os catro tripulantes do El Cañavera e trasladounos ao porto de Cedeira.