Accidente laboral: morre un mariñeiro ao caer ao mar perto de Ons
O patrón do Tucán II, que se tirou ao mar para intentar salvalo, ingresou por hipotermia nun centro hospitalario.
Un mariñeiro, Luis Vidal, de 51 anos de idade, perdeu a vida na mañá deste domino entre as illas de Ons e Sálvora ao caer ao mar desde o barco no que estaba a faenar, o Tucán II. O patrón da embarcación, que se tirou ao mar para intentar rescatalo, foi ingresado con síntomas de hipotermia no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
O helicóptero Pesca I rescatou ambos os dous após recibir o aviso dun terceiro mariñeiro que quedou a bordo do Tucán II. Axiña foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro. Mais nada se puido facer pola vida do tripulante. O patrón quedou ingresado por hipotermia.
O Concello de O Grove decretou dous días de loito.
400 mariñeiros mortos en 25 anos
Entre 2010 e 2018 perderon a vida 80 mariñeiros galegos ou enrolados en buques galegos. Entre 1994 e 2010 foron case 300. Son, logo, por volta de 400 os mariñeiros que perdetron a súa vida na Galiza nestes 25 anos en accidentes e sinistros relacionados co seu labor.
Entre 2005 e 2013 rexistráronse 12.652 accidentes laborais no sector do mar de Galiza, segundo os informes do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboal (Issga). A inmensa maioría deles, de carácter leve (12.033, o que supón case catro por día). Mais tamén se rexistran sinistros graves. Foron 786 nestes nove anos, unha media dun cada catro días. Nese mesmo período, perderon a vida no mar 87 mariñeiros. Un cada 37 días. Un mariñeiro morto case cada mes.
A Organización Internacional do Traballo (OIT) considera o de mariñeiro como unha das profesións máis perigosas.